Obama e Camaron sabían que se ía aplicar a lei anti-terrorista á parella do xornalista que destapou o caso Snowden

A policía británica detivo por espazo de 9 horas ao cidadán brasileiro David Miranda, parella do xornalista Glenn Greenwald.

Glenn Greenwald David Miranda Snowden
photo_camera Glenn Greenwald e David Miranda

A detención de Miranda, a parella de Glenn Greenwald, produciuse este sábado no aeroporto londinense de Heathrow. Greenwald é o xornalista de The Guardian que publicou as revelacións do ex axente da CIA Edward Snowden.

Pode ser considerado un acto terrorista publicar unha información xornalística cuxo coñecimento é relevante para o público? Aos ollos das autoridades do Reino Unido, e a xulgar pola detención de David Miranda, si. O cidadán brasileiro foi interceptado pola policía británica na terminal en que fixo escala procedente de Berlín, coa intención de viaxar a Rio de Janeiro, a cidade na que mora con Greenwald. Foi interrogado por espazo de 9 horas.

Miranda colaborou nas investigacións xornalísticas de Greenwald. En Berlín Miranda entrevistouse coa documentalista norteamericana Laura Poitras, a outra persoa en que confiou Snowden para filtrar a información que manexaba como analista da CIA (a de que a Administración nortaemericana espía a millóns de cidadás e cidadáns norteamericanos ou non, e singularmente os seus socios da UE).

A viaxe de Miranda pagoulla The Guardian.

A policía británica incautoulle ao cidadán brasileiro o seu telemóvel e o seu computador portátil, ben como tamén a súa cámara, varios DVDs e pen drives.

O diario The Guardian publicou hoxe que tanto Downing Street como Washington souberon por anticipado que Miranda ía ser detido, en aplicación dun artigo da lei anti-terrorista que permite á policía reter por espazo de até 9 horas a persoas que poderían, por acción ou omisión, contribuír para a comisión de actos terroristas.

A secretaria de Interior do goberno británico, Theresa May, xustificou a acción policial co argumento de que o material supostamente en posesión de Miranda podería "axudar" aos terroristas a cometer accións que poderían vir a resultar "na perda de vidas".

Comentarios