O tecnócrata Mario Monti deixará o goberno italiano após aprobar as medidas da Troika

A imprensa italiana espertou este domingo coa anunciada dimisión do seu primeiro ministro, Mario Monti. O tecnócrata, fora nomeado pola Troika e o presidente italiano, Giorgio Napolitano en 2011 para dirixir un goberno técnico após a saída de Silvio Berlusconi do goberno italiano.
Silvio Berlusconi anunciou que se presentará ás eleccións de 2013
photo_camera Silvio Berlusconi anunciou que se presentará ás eleccións de 2013

De igual maneira que en 2011 o fixera o seu antecesor, Mario Monti vén de anunciar que dimitirá como primeiro ministro de Italia após aprobárense os Orzamentos para o ano 2013. Silvio Berlusconi fixera o propio en novembro do pasado ano despois de sacar adiante uns presupostos en que se recollían as medidas de axuste e recortes exixidas desde Bruxelas. Segundo a prensa do país, a decisión de Monti débese á queda de apoios nas Cortes italianas, porén os obxectivos inicialmente marcados desde as institucións económicas e comunitarias para o seu mandato --desde un comezo presentado como transitorio-- foron cumpridas polo economista.

Dar estabilidade ao goberno italiano após os ecándalos do executivo encabezado por Silvio Berlusconi e aprobar os programas de redución do gasto deseñados pola UE malia a oposición cidadá eran as obrigas de Mario Monti cando en 2011 foi nomeado --sen eleccións-- primeiro ministro de Italia. A súa traxectoria como economista e a súa participación como director europeo da Comisión trilateral --un lobby de orientación neoliberal fundado en 1973 polo magnate David Rockefeller-- avalaban a súa escolla por parte das principais institucións económicas internacionais que conforman a troika (FMI, BCE e UE), e aseguraban a estas que Monti cumpriría cos obxectivos marcados a nivel internacional.

Neste sentido, o propio Monti aseguraba após coñecer a nova de que Berlusconi volvía á primeira liña política que --naquela altura [2011]-- Italia "tiña o risco de converterse no detonante que fixese saltar toda a zona euro" polo que emprazou nos últimos días á cidadanía a "non volver caer na mesma situación en que se atopaba antes" da súa chegada como líder do executivo.

Porén, todo apunta a que Mario Monti permanecerá ao mando durante algún tempo máis para aprobar unha serie de medidas "indispensábeis", segundo o afirmado polo presidente italiano, Giorgio Napolitano. Entre as normas que deberá sacar adiante o actual goberno tecnócrata atópanse os Orzamentos para 2013 e a denominada lei de estabilidade financeira con que aumentarán até o 21% o IVE e se fixarán unha serie de medidas orzamentarias para o período 2013-2015.

Berlusconi re-aparece na primeira liña política
Após a súa saída do goberno, Silvio Berlusconi tivo máis protagonismo polos numerosos escándalos xudiciais en que se atopou inmerso que polas súas tres lexislaturas á fronte do executivo italiano. Malia que mantivo a incerteza durante varios meses, finalmente anunciou que volvería seer candidato á presidencia do goberno italiano "para vencer", advertía á imprensa do país. Segundo Berlusconi "a opinión de todos era que se necesitaba un líder como un Berlusconi do ano 1994" polo que decidiu regresar á política para liderar de novo á coalición Pobo da liberdade nas eleccións que terán lugar en primavera. Neste sentido, o presidente da Comisión europea, Jose Manuel Durão Barroso, advertiu esta fin de semana que perante os comicios do 2013 non deber porse "en dúbida as medidas" de reforma deseñadas desde Bruxelas, das que dixo "son imprescindíbeis". 

Comentarios