O Supremo condena a La Manada por violación e aumenta a pena a 15 anos de cadea

Foi violación e non abuso. Así o considera o Tribunal Supremo, que vén de condenar os cinco membros do colectivo español coñecido como La Manada a quince anos de cadea por un delito continuado de violación.

protesta manada
photo_camera Un dos protestos contra as sentenzas previas do caso de La Manada

Antonio Manuel Guerrero Escudero, Jesús Escudero, José Ángel Prenda, Alfonso Jesús Cabezuelo e Ángel Boza, os membros do colectivo La Manada, veñen de ser condenados polo Tribunal Supremo a quince anos de cadea por un delito continuado de violación durante a festa do San Fermín de 2016.

O alto tribunal bota por terra o ditame da Audiencia de Navarra, primeiro, e do Tribunal Superior de Xustiza de Navarra despois, pois entendían que era un caso de abuso sexual, o que provocou grandes mobilizacións por todo o Estado español.

O garda civil (Guerrero Escudero) é condenado tamén con dous anos a maiores por delito de roubo con intimidación. A sentenza tamén sinala que a situación de intimidación en que se desenvolveu o roubo do móbil da vítima impedía cualificar este coma furto, levando así a contraria á Audiencia e o Tribunal Superior de Xustiza de Navarra.

O Supremo pon de manifesto que a "situación intimidante" fixo que a moza violada "adoptase unha actitude de sometemento, facendo o que os autores lle dicían que fixese, ante a angustia e intenso agobio que a situación lle produciu polo lugar recóndito, angosto e sen saída no que foi introducida á forza, e as circunstancias persoais da vítima e dos acusados, o que foi aproveitado por eles para realizar os actos contra a liberdade daquela".

O Tribunal Supremo recolle desta maneira a existencia da intimidación e o do non consentimento. O ambiente, o lugar e as circunstancias persoais son recoñecidos nesta sentenza como feitos intimidatorios, quedando así patente que a intimidación non implica que teña que haber ameazas explícitas.

O alto tribunal describe na sentenza "cando menos dez agresións sexuais con penetracións bucais, vaxinais e anais". O ditame do Supremo xa é firme, mais o encargado de executar as penas deberá ser o tribunal axuizador, que é a Audiencia Provincial de Navarra.

As penas serían maiores de non haber erros na sentenza de orixe

A sentenza de orixe ditada pola Audiencia Provincial de Navarra foi errada, pois nela culpouse os violadores dun único “delito continuado de abuso sexual”. O Supremo considera que debido a que houbo varios agresores a acusación debera ter sido de “unha pluralidade de delitos de agresión sexual”.

Ese erro da sentenza da Audiencia Provincial non foi impugnado ante o Supremo, motivo polo que este non é competente para mudar esa cuestión. De terse impugnado, o Supremo podería ter acusado a La manada de varios delitos de violación en lugar de condenalos por un delito continuado de violación, e desta maneira as penas poderían chegar a máis anos.   

Comentarios