O subcomandante Marcos advirte os poderosos do ''verdadeiro perigo que vén de abaixo''

O cuarto comunicado que o EZLN fai público desde finais de 2012 carga con dureza contra o goberno de México


Após os tres comunicados que o Exército Zapatista de Liberación Nacional --EZLN-- fixo públicos a finais de 2012, o subcomandante Marcos volveu facerse ouvir este domingo. Nun extenso texto que leva por título Eles e nós, advirte aos que teñen o poder do "verdadeiro perigo" que vén "de abaixo, de xente que sae do molde, que o rompe ou que o ignora". Antes de se despedir, unha advertencia en maiúsculos: "Marichiweu!" ('Venceremos!')

Así as cousas, neste comunicado o subcomandante fala imitando "aos que mandamos, que somos máis poderosos aínda que sexamos menos". Non nos importa o que digas-escoites-penses-fagas namentres fiques mudo, xordo, inmóbil. Podemos impor como goberno a xente medianamente intelixente, aínda que xa é moi difícil de atopar na clase política, mais eliximos a un que nin sequera pode simular que sabe de que vai o asunto. E por que o facemos? Porque podemos facelo".

Nunha dura crítica aos dirixentes, empeñados en "facer e desfacer sen ter máis razón que a posesión do poder", o EZLN acusa ao exército, á policía e á xustiza de non perseguir "verdadeiros delincuentes", e a intelectuais, artistas, políticos, xerarcas relixiosos e xornalistas de se "disputaren o privilexio de agradarnos" --aos poderosos--. Porén, fai público o temor destes a que "o medo feito resignación se transforme en rabia organizada, rebelde e sen prezo", e advirte do "caos que vén de abaixo". E no peche da entrevista simulada descubren "algo pintado no portón de entrada ao xardín. Non sabemos se é unha chave, ou unha lingua desas raras que falan os proles. Si, é unha soa palabra, mais prodúcenos calafríos. Di 'Marichiweu!'". O termo, en lingua mapuche, significa 'Venceremos'.

O subcomandante Marcos levaba case dous anos sen asinar comunicados extensos. A finais de 2012 anunciou unha serie de iniciativas "civís e pacíficas", que se transformaron uns días despois nunha multitudinaria mobilización silenciosa en que ducias de miles de zapatistas anegaron cinco poboacións de Chiapas ao remataren as celebracións do Oxlajuj Baktun, o cambio de era no calendario maia. Marcos advertiu daquela ao goberno do PRI que encabeza Peña Nieto: 'Ouviron iso? É o son do seu mundo derrubándose'.

Comentarios