O presidente golpista de Exipto emite o programa de transición e convoca eleccións en 2014

A norma rexerá o país até a reforma da Constitución. Outorga facultades lexislativas reservadas ao presidente e instaura o 'estado de emerxencia' por 3 meses. Imaxe capa: Grafitti nas rúas de Exipto [Ed Giles]

Adli Mansur, presidente interino de Exipto
photo_camera Adli Mansur, presidente interino de Exipto

Adli Mansur convocou eleccións parlamentares para o mes de febreiro. Así o recollen diversas axencias de noticias internacionais esta terza feira. Após a constitución do Parlamento, as Cortes exipcias terán unha semana para convocar eleccións presidencias. 

A convocatoria electora toma parte do 'programa de transición' publicado polo presidente golpista e que entrou en vigor esta terza feira (9 de xullo). Segundo esta Declaración constitucional o período até a convocatoria electoral durará entre 3 e 6 meses. Durante ese período, Mansur gozará de resérvase facultades lexislativas e gobernará baixo un 'estado de emerxencia'. 

O 'estado de emerxencia' permite ao presidente restrinxir dereitos e liberdades cidadán en aras de manter a 'orde interna' do país

Esta figura xurídica, permite ao goberno --o presidente e un gabinete aínda por conformar-- restrinxir ou suspender dereitos fundamentais da cidadanía relativos á liberdade de reunión e de tránsito, liberdade e seguridade cidadá ou mesmo a inviolabilidade de morada.  Aliás, este réxime permitiría ás forzas armadas asumir o control da 'orde interna' do país --algo que acontece desde que o pasado día 4 o exército exipcio levase a cabo un golpe de Estado contra o goberno de Mohamed Morsi. 

Tamén así, Mansur resérvase a elaboración e promulgación dos orzamentos e a política interior que consultará cun gabinete aínda en formación. 

Un comité de especialistas redactará a nova Constitución

A declaración constitucional foi promulgada após a masacre perante o Cuartel da Garda Republicana onde foron asasinadas 51 persoas a mans do exército

De acordo coa declaración promulgada por Mansur --composta por 33 artigos-- a nova Carta Magna será redactada no prazo dun mes por un comité de especialistas (do que non trascendeu até o momento ningún integrante). Aliás, o presidente golpista asegura que o novo texto constitucional podería ser sometido a referendo en 4 meses. 

Asemade, Adli Mansur anunciou a creación dunha comisión xudicial de urxencia para investigar os acontecementos ocorridos o pasado sábado (6 de xullo) fronte ao Cuartel xeral da Garda Repúblicana onde os militares asasinaron máis de 50 persoas e deixaron feridas a máis de 400.

Segundo o exército, o ataque produciuse logo de que un grupo de partidarios do deposto presidente exipcio, Mohamed Morsi, tentaran entrar no recinto en que permanece retido o líder da Irmandade Musulmá. Porén, algúns dos manifestantes aseguran que os militares lles dispararon polas costas durante a "oración da madrugada".

Comentarios