O PP de Madrid privatiza 6 hospitais, 27 centros de saúde e impón o repagamento dun euro por receita

A maioría absoluta da formación conservadora saca adiante a Lei de medidas fiscais e administrativas sen considerar ningunha das 200 emendas presentadas polos grupos parlamentares da oposición. A taxa dun euro por receita aplícase en Catalunya desde xuño e o Goberno español recorreuna perante o Constitucional


A maioría absoluta do PP sacou adiante en Madrid a Lei de medidas fiscais e administrativas que suporá a privatización de seis hospitais e 27 centros de saúde, para alén do cobro dun euro por cada receita a partir de xaneiro. A norma saíu adiante nun pleno extraordinario en que o grupo do PP non aceptou ningunha das 200 emendas presentadas pola oposición --81 de Izquierda Unida, 78 do PSOE e 60 de UPyD--

A taxa do euro por receita aplícase en Catalunya desde o mes de xuño e está recorrida perante o Tribunal Constitucional polo Goberno español. A mediados de novembro o Consello de Estado, órgano consultivo de maior rango para o Executivo central, ditaminou que o tributo é inconstitucional ao considerar que os territorios "non poden incidir nin directa nin indirectamente na fixación dos prezos dos medicamentos que son obxecto de financiamento público".

A Generalitat implanto esta taxa farmacéutica o 23 de xuño para contribuír ao financiamento do seu sistema sanitario e moderar o consumo de medicamentos, abonando un máximo de 61 euros ao ano por persoa e para produtos cuxo prezo supere os 1,67€. O presidente do Executivo español, Mariano Rajoy, discrepou daquela coa medida porque supuña "pagar dúas veces".

Comentarios