AMBIENTE ELECTORAL

O PNV estuda a fin da súa histórica bicefalia

O partido jeltzale elixe candidat@ baixo a presión electoral de Amaiur

Por primeira vez na historia, a esquerda abertzale atópase en condicións de facerse co poder na Comunidade Autónoma Vasca, que celebrará nos próximos meses as súas eleccións autonómicas, unha cita na que, unha vez rematado o amaño favorábel ás forzas españolas que supuxo a ilegalización de milleiros de votos do ámbito de Batasuna, ninguén cre na posibilidade de que Patxi López repita como Lehendakari. Neste escenario, a batalla vaise dar entre o nacionalismo soberanista que se presentou baixo a denominación de Amaiur nas últimas Xerais e o autonomismo de dobre alma que representa o PNV, pendente agora da elección do seu cartel electoral.

Durante a restitución da autonomía de tres dos sete territorios de Euskal Herria, a formación peneuvista adoptou como norma de liderado a bicefalia, segundo a cal unha persoa sería o cabeza de lista (case sempre logo lehendakari) mentres outra encargaríase da organización. Ardanza e Arzalluz ou Ibarretxe e Josu Jon Imaz (este último directivo agora nunha empresa multinacional) simbolizan esa aposta, paralizada tras o pacto entre PSOE e PP nas últimas autonómicas que lles fixo perder a lehendakaritza. Dende entón, foi o presidente do partido, Iñigo Urkullu, a principal cara do PNV e tamén a máis coñecida, circunstancia que, unida a dura competencia electoral que supón a irrupción dunha esquerda abertzale plural e libre da actividade de ETA, abriu o debate sobre a posibilidade de que sexa el quen asuma tamén a candidatura, rompendo así a tradición bicéfala.

Malia que esa intención non convence nos sectores máis soberanistas, especialmente os guipuscoanos, no PNV gaña adeptos a idea de combatir o ascenso de Amaiur (que seguramente usará outra denominación e espera pola posibilidade de poder presentar ao encarcerado Arnaldo Otegi) resaltando o seu perfil máis moderado ou como o definen algúns cargos “afastado de aventuras incertas”, lonxe de intentar competir contra o seu principal adversario no terreo da autodeterminación. Para esa función “pragmática”, boa parte dos dirixentes jetzales consideran que Urkullu resulta a mellor baza. Porén, hai máis nomes riba da mesa. Algúns son os de Josu Erkoreka, portavoz en Madrid, ou Izaskun Bilbao, parlamentaria en Bruxelas. Os dous presentan un alto nivel de coñecemento dentro da Comunidade Autónoma, malia o que precisarían dunha promoción maior que Urkullu. Tamén existe a opción de que no caso de que este último fose o candidato, se iniciase o proceso para elixir outra persoa para a presidencia, volvendo así ao liderado compartido.

 En principio, finais de xuño é a data límite que se concedeu o PNV para decidir o seu cartel para Ajuria Enea. A idea da dirección é optar polo proceso máis curto posíbel segundo os seus estatutos, de vinte días, para así evitar o desgaste dunha pugna interna. De feito, ante este temor varias voces suxeriron o desexo de que regresara á primeira liña o ex lehendakari Juán José Ibarretxe, que descartou a posibilidade.

Comentarios