O partido de Merkel sofre un duro revés electoral no estado máis poboado de Alemaña

A CDU cae 10 puntos e os socialdemócratas (SPD) poderán revalidar o goberno de coalición con Die Grunen (Os Verdes). Die Linke ficaría sen representación ao non atinxir o 5% obrigatorio para entrar no parlamento.

Parlamento de Renania/Westfalia
photo_camera Parlamento de Renania/Westfalia

Non eran unhas eleccións calquera. Non só porque Renania do Norte-Westfalia sexa o länder máis poboado de Alemaña, con preto de 18 millóns de habitantes e un forte sector industrial, mais porque nesta rexión xermana a CDU de Angela Merkel tiña feito unha ampla campaña para tentar recuperar o poder que perdeu en 2010 a mans de socialdemócratas e verdes. Alén diso, e tras o acontecido en Francia, estas votacións eran tamén consideradas un exame á política europea de Merkel e á sua insistencia na austeridade.

Á espera dos resultados definitivos, os datos das sondaxes a pé de urna indican que a CDU (Unión Demócrata Cristián) perdeu 10 puntos, polo que só obtería o 26 por cento dos sufraxios. Unha distancia importante coa socialdemacracia, que tería o 39% dos votos. O SPD goberna actualmente Renania-Westfalia en coalición con Os Verdes (que nestes comicios acadarían o 12% dos votos).

Os liberais do FDP, parceiros do CDU no goberno federal, recollen votos entre os “espantad@s” da CDU a acadarían o 8,5 por cento dos sufraxios, superando o límite do 5 por cento que é necesario para ter representación no parlamento do länder.

A esquerda, a debate

Estas sondaxes tamén indican que Die Linke (A Esquerda) non acadaría ese 5% necesario, polo que ficaría ás portas do parlamento. En 2010 atinxiu 11 deputad@s.

Pola contra, o “último fenómeno” electoral en Alemaña, o Partido Pirata, tería logrado segundo esas enquisas o 8 por cento dos votos polo que formaría parte da cámara. É xa o cuarto parlamento en que os “piratas” logran representación (no de Berlín conseguiron 15 deputad@s), cun programa electoral centrado simplemente en loitar contra as restricións e censura en Internet e contra o que no Estado español sería o canon dixital. Segundo diferentes persoas expertas, o Partido Pirata estaría a facerse co voto do descontento e da rebeldía, a costa de organizacións como Die Linke.

Comentarios