O Parlamento grego aproba os orzamentos 2013 e amosa a súa disposición á Troika

Esta segunda feira o eurogrupo debaterá sobre o futuro de Grecia e a posíbel aprobación dun segundo rescate á súa economía. Pola súa banda, o executivo de Antoni Samarás, aproba en domingo os Orzamentos de Estado para 2013 como mostra do seu cumprimento cos mandatos da Troika.
Antoni Samarás
photo_camera Antoni Samarás

En domingo e a altas horas da noite, o Parlamento grego aprobaba os Orzamentos de Estado para 2013, de acordo co estabelecido pola Troika. Con menos dificultade que coa aprobación das medidas de axuste que se debateron na Cámara a pasada semana, o goberno de coalición entre os conservadores de Samarás (Nova Democracia) e a social-democracia do PASOK e a Esqueda Democrática, sacou adiante uns orzamentos en que se recollen un recorte do gasto público de máis de nove mil millóns de euros. A súa aprobación, era indispensábel para que o eurogrupo --que se reúne nesta segunda feira-- dese o visto bo a un segundo rescate para a economía helena.

Samarás: "Os sacrificios incluídos nos orzamentos xerais serán os últimos"

Redución do gasto público para pagar o déficit

A maior parte do recorte recaerá nas pensións, que se reducen nun 15%, e dos soldos d@s empregad@s públicos que perderán 1.200 millóns de euros. Aliás, a débeda aumentará --após a entrega dos dous tramos de rescate concedidos pola Troika-- até os 346.000 millóns de euros (190% do PIB), ficando moi por riba das previsións da UE que agardaban poder reducila até o 120% do PIB grego. Aliás, a economía helena contraerase un 4,5 puntos en 2013, o que suporá o sexto ano consecutivo de recesión para Grecia.

O primeiro ministro grego, Antoni Samarás, asegurou ao remate da sesión en conferencia de imprensa que "os sacrificios incluídos nos orzamentos xerais serán os últimos" pois dixo, comezarían a corrixir "as inxustizas que conteñen", após eliminaren o déficit.

Milleiros de persoas --13.000 segundo fontes policiais helenas-- permaneceron durante a sesión parlamentar na praza Syntagma, situada fronte ao Parlamento grego, nunha convocatoria feita polos sinticatos e o KKE. "As medidas fánnos retrocecer cincuenta anos" aseguraba un dos manifestantes en declaracións a unha axencia de noticias internacional. "Os pobre pagan e ninguén toca aos ricos nin aos evasores de impostos", continuaba outra manifestante, que participaba da convocatoria.

Xuntaza do eurogrupo
As dezaséis economías do euro, reuniranse esta segunda feira para debateren sobre o futuro de Grecia, mais tamén sobre a situacións da economía española. O eurogrupo analizará se o Estado español está a cumprir coas súas obrigas, mais xa adiantou que non desbloquearían --polo de agora-- os 100.000 millóns de euros que a UE destinará a sanear a banca española.

Canto á situación da economía grega, o eurogrupo non conta ter completo o informe enviado pola Troika, requisito fundamental para que se dea luz verde aos 31.500 millóns de euros que Grecia asegurou precisar de maneira urxente para facer fronte aos pagamentos da administración.

Comentarios