Londres respecta o dereito de Escocia a decidir e dá luz verde ao referendo pola independencia

As cámaras dos Lores e dos Comúns veñen de aprobar o mandato lexislativo polo cal o goberno británico cede ao parlamento escocés a potestade de convocar o referendo pola independencia. A consulta realizarase, tal e como xa pactaran Londres e Edimburgo, en outono de 2014
escocia

O parlamento británico deu vía libre esta semana á realización en Escocia do referendo pola independencia. As cámaras dos Lores e dos Comúns veñen de aprobar o mandato lexislativo polo cal o goberno británico cede ao parlamento escocés a potestade de convocar o referendo pola independencia. A consulta realizarase, tal e como xa pactaran Londres e Edimburgo, en outono de 2014. Con debate, mais sen demagoxias nin imposicións nin censuras, o órgano lexislativo de Gran Bretaña cedeu ao escocés o poder de convocar o referendo. Un paso que ninguén dubidaba que o parlamento de Londres daría tras acordar gobernos británico e escocés que a consulta se faría en 2014. O propio primeiro ministro, David Cameron, afirmara entón que "só @s escoces@s deben decidir o lugar que queren ocupar no Reino Unido". Unha actitude impensábel nestas latitudes, onde goberno español e opinión pública están por trabar a consulta de Catalunya e negar aos e ás catalás o dereito a decidir.

Escocia fará o referendo en outono de 2014, coincidindo a consulta co 700 aniversario de Bannoockburn, data gravada a lume na historia escocesa por ser unha histórica vitória no campo de batalla dos clans escoceses sobre o exército inglés.

Alba Saor (Escocia Ceive)

A campaña impulsada desde o Partido Nacionalista Escocés, SNP, que goberna esta nación e ten maioría absoluta no parlamento, está en pleno apoxeo. E está a se desenvolver marcada por un aberto debate ideolóxico e mesmo tamén práctico sobre as consecuencias da independencia ou da permanencia de Escocia na Gran Bretaña. En todo caso, un debate moi alonxado do discurso do Estado español a respecto dos nacionalismos .

A prol dunha soberanía escocesa non só se manifesta o gobernante SNP (Partido Nacionalista Escocés), senón tamén o Partido Verde Escocés (con representación na cámara rexional) ou o Parthaid Soisealch na h´Alba (Partido Socialista Escocés, independentista e socialista). Tamén existen redes cidadás e plataformas ambientalistas, sociais e feministas traballando nesta liña. A idea é a de atinxir un millón de sinaturas a favor da independencia para as datas de celebración da consulta.

"Nemo me impune lacessit" (ninguén me ofende impunemente) é o lema nacional da Escocia, unha frase que está a 'bombardear' (en linguaxe graffiteira) muros, valados e paredes de cidades e vilas escocesas en defensa da soberanía para este país e rememorando con estas catro palabras latinas unha longa historia de aldraxe, opresión e ocupación da vella Alba por Inglaterra.

O primeiro ministro escocés, o nacionalista Alex Salmond defende con vehemencia a independencia de Escocia: "Se quero que sexamos independentes non é porque crea que somos mellores que ningún outro país, senón porque sei que somos tan bos como calquera outro país".

Soberanía, ferramenta para o benestear

O gobernante SNP incide na necesidade da soberanía para que Escocia teña unha ferramenta de loira contra a crise e de dotarse de máis e mellor estado de benestar, contrapoñendo este á política de recortes que o goberno británico está a levar a cabo nos servizos públicos, dereitos laborais e conquistas sociais.


Comentarios