"O meu fillo chama ao pobo norteamericano a confrontar o crecente perigo da tiranía"

Está na área de tránsito dun aeroporto moscovita. E no albo do Imperio. Obama quer a súa extradición. A UE prégase a Washington e varios Estados -Franza, Portugal, Italia, o Estado español- puxeron trabas onte o voo do avión en que viaxaba Evo Morales proveniente de Moscova perante a suspeita de nel viaxar Snowden. Agora o pai de Snowden, nunha carta aberta, gaba a valentía do seu fillo e di que o ex axente da CIA chama á cidadanía a enfrentar "o crecente perigo" da tiranía que paira sobre os EUA.

Snowden
photo_camera Snowden

Edward Josep Snowden (1983) é un analista informático norteamericano que traballaba para a CIA e que revelou ao mundo o programa de espionaxe masiva que a Administración Obama combinou con xigantes da Internet como Apple, Google, Facebook e Twitter.

A espionaxe afectaría a cidadáns de todo o planeta e a Estados da Unión Europea. Así funcionan os servizos de intelixencia, veu brincar a este respeito recentemente Obama.

As autoridades federais dos EUA apresentaron cargos formais contra Snowden o 22 de Xuño pola revelación de dados secretos que atinxirían, segundo Washington, á seguridade nacional.

O analista áchase en Moscova, despois de ter fuxido do seu país, primeiro en dirección a Hong Kong e logo á capital rusa. Alí atópase despois de cursar petición de asilo para 20 Estados diferentes, entre eles o español, Alemaña, Austria, Bolivia, Brasil, China, Cuba, Finlandia, Franza, a India, Italia, Irlanda, Países Baixos, Nicaragua, Noruega, Polonia ou Venezuela.

Rusia en primeira instancia mostrou a súa disponibilidade a acoller baixo a figura do asilo a Snowden, mais condicionou a súa decisión final a que este se comprometese a non revelar máis segredos dos norteamericanos. O analista recusou a oferta.

Un patriota é aquel que salva ao seu país do seu propio goberno (Thomas Paine)

Agora seu pai dirixe unha carta aberta, asinada tamén polo avogado do analista, Bruce Fein. Na misiva o pai de Snowden di que o seu fillo está a convocar ás norteamericanas e aos norteamericanos a confrontar "o crecente perigo" da tiranía que paira sobre o seu país.

En concreto, cita a un dos líderes da revolución independentista que deu lugar á fundación dos EUA, Thomas Paine, cando este afirmaba que un patriota é aquel que salva ao seu país do seu proprio goberno.

O último que se sabe de Snowden é un pronunciamento que realizou através de Wikileaks e no que afirmaba que a Administración Obama en realidade non ten medo de "filtradores" como el ou Bradley Manning. "Non teñen medo de nós. Non temos un Estado detrás, estamos en prisión ou non temos ningún poder. Non, non teñen medo de nós. Teñen medo da existencia dunha opinión pública informada e irritada que exixe o goberno constitucional que lles foi prometido e que deberían ter".

Comentarios