O ministerio de Interior ameaza EH Bildu coa ilegalización

Jorge Fernández Díaz afirmou que Laura Mintegi "cometeu un dobre grave erro por non condenar a ETA nin pedir a súa disolución e, ao mesmo tempo, lamentar a operación policial", referíndose ás palabras da candidata a lehendakari sobre o arresto esta fin de semana de dúas persoas militantes da banda armada

O ministro do Interior español, Jorge Fernández Díaz, ameazou EH Bildu cunha hipotética ilegalización por mor das palabras da candidata a lehendakari Laura Mintegi onde sinalaba que as detencións de dúas persoas militantes de ETA a pasada fin de semana "atrasan e non facilitan" a resolución do conflito. O fiscal xeral do Estado tomou nota e sinalou que estudará as palabras de Mintegi. A formación abertzale vén de obter 21 escanos nas eleccións vascas.

En declaracións nos corredores do Congreso d@s deputad@s, Fernández Díaz, advertiu a EH Bildu que "excedeu unha nova liña vermella" e que "o contador" para un hipotético proceso de ilegalización "se acelerou" coa súa postura perante as últimas detencións no Estado francés. Dixo o político español que a organización política abertzale "cometeu un dobre grave erro por non condenar ETA nin pedir a súa disolución e, ao mesmo tempo, lamentar a operación policial".

Fernández Díaz lembrou que esta posición da coalición forma parte do decálogo de actitudes fixadas polo Tribunal Constitucional que poden dar lugar a un proceso de ilegalización, no caso de que se produzan de forma "grave e reiterada". No entanto, deixou claro que corresponde á Fiscalía Xeral do Estado e á Avogacía iniciar ese hipotético proceso contra EH Bildu. E o fiscal xeral do estado, Eduardo Torres-Doce, xa se pronunciou ao respecto. Sinalou que estudará as recentes declaracións da candidata a lehendakari sobre a detención d@s militantes da banda armada. Dixo xa que "analizará" eventuais actuacións se fosen oportunas.

Comentarios