O Likud vence as eleccións en Israel malia perder once escanos

Os resultados electorais en Israel deixan ao partido de Netanyahu máis unha lexislatura no poder, porén reduce notabelmente a súa representación e exíxelle formar unha coalición de goberno.
Benjamin Netanyahu
photo_camera Benjamin Netanyahu

D@s 42 representantes do Likud que tomaban parte desde 2009 do Parlamento israelí, só 31 permanecen após as eleccións que tiveron lugar esta terza feira (22 de xaneiro). O que será primeiro ministro durante 4 anos máis, Benjamin Netanyahu, agradeceu após o reconto "a oportunidade para liderar o Estado de Israel". Porén, o ultradereitista deberá apurar unha coalición de goberno fronte a un hemiciclo con maior representación do centro-esquerda.

Nin esquerda nin dereita, a complexidade do pensamento sionista converte ao Parlamento israelí nunha amalgama de partidos que van desde a dereita máis tradicional e relixiosa até a social-democracia sionista do Partido dos Traballadores. Porén, a caída no número de escanos sufrida polo Likud de Netanyahu obrigará ao re-eleito primeiro ministro a procurar alianzas políticas se quere sacar adiante o seu programa de Goberno.

A finais da pasada lexislatura, o seu compañeiro de viaxe, o daquela primeiro grupo da oposición --Kadima, fundado polo ex-presidente Ariel Sharon en 2005-- quitaba o seu apoio ao primeiro ministro argüíndo diferenzas na xestión dos "asuntos palestinos". No entanto, os resultados electorais para os liberais non resultaron moi froitosos pasando de 28 a 8 escanos.

Posíbeis escenarios
Segundo recolleron diversas fontes, o primeiro ministro israelí podería rematar a semana coa coalición formada. Neste senso, as posibilidades son diversas. Ou ben Netanyahu chega a un acordo gos grupos da ultra-dereita (como Kausa Xudaica) ou renova a coalición con Kadima e outras formacións máis "de centro" --mesmo o Partido dos Traballadores.

Nin rastro da paz en Palestina
Após a ofensiva lanzada en outubro do pasado ano, as formacións políticas que concorreron aos comicios non incorporaron a paz na súa axenda de prioridades. O sionismo non procura a paz senón máis ben a xestión dos conflitos --entre os que se atopan Siria e Irán. Neste senso, malia que os representantes de Palestina na ONU exixen que esta intermedie nunhas negociacións de paz paralizadas desde hai máis de dous anos, o certo é que o novo goberno non será --en ningún dos escenarios posíbeis-- proclive a rematar con 65 anos de ocupación e xenocidio.

Comentarios