Denuncian unha 'guerra psicolóxica' do colectivo mediático transnacional contra Chávez

O goberno de Venezuela asegura que o feble estado de saúde do presidente Chávez está a ser empregado pola oposición e a prensa transnacional para desestabilizaren o país.
Mostras de apoio a Chávez nas rúas de Venezuela
photo_camera Mostras de apoio a Chávez nas rúas de Venezuela

Os últimos comunicados feitos públicos polo executivo venezolano a respecto do empeoramento da saúde de Hugo Chávez reflicten un complexo proceso de recuperación para o líder bolivariano, que arestora se atopa afectado dunha grave infección respiratoria. Cuestión que até o de agora foi transmitida por distintos representantes do goberno a través de múltiples comparecencias de imprensa após a intervención á cal foi sometido o presidente Chávez o pasado día 11 de decembro. Porén, os partidos da oposición e os grandes grupos mediáticos, dentro e fóra das fronteiras venezolanas, insisten en considerar que existe un "baleiro comunicativo" arredor do seu estado de saúde.

Fontes oficiais, aseguran que estes "rumores" espallados durante os últimos días constitúen unha "guerra psicolóxica" que procura empregar o cadro clínico do presidente de Venezuela para "desestabilizaren o país e pór fin á revolución bolivariana", aseverou en conferencia de imprensa esta quinta feira o ministro de Comunicación, Ernesto Villegas.

Ernesto Villegas: "O entramado mediático transnacional desatou unha guerra psicolóxica co fin último de desestabilizar á República Bolivariana de Venezuela"

O actual momento político iniciado en Venezuela após as eleccións do pasado mes de outubro e da re-aparición da enfermidade do presidente, abre diversas posibilidades para o futuro inmediato do país, cuxa data chave será o vindeiro día 10 cando se produza --se non existen mudanzas-- a toma de posesión presidencial. Malia que o líder da dereita venezolana, Henrique Capriles facía un chamamento "á calma" no país perante a saúde de Hugo Chávez, ao mesmo tempo aproveitaba para sementar a incerteza demandando "franqueza" nas mensaxes do goberno. Os grupos da oposición ven neste momento unha oportunidade política para bateren contra o goberno bolivariano e iniciaren a pre-campaña perante a posibilidade de se convocaren eleccións anticipadas en caso de falecemento ou impedimento do presidente durante os tres primeiros anos de mandato.

Aliás, a dereita venezolana está a empregar os grandes grupos mediáticos --principais aliados da oposición no golpe de Estado de 2002-- para orquestaren as mensaxes e propagalas entre a opinión pública nacional e internacional. "O colectivo mediático transnacional, aseguraba o ministro Villegas, desatou unha guerra psicolóxica arredor da saúde do xefe de estado, co fin último de desestabilizar a República Bolivariana de Venezuela", ademais, no comunicado oficial denunciaban que os rumores xerados descoñecían "a vontade popular expresada nas eleccións presidenciais do pasado 7 de outubro" en que o líder bolivariano obtivo perto do 55% dos votos.

O vicepresidente, Nicolás Maduro, aseverou a respecto das mensaxes lanzadas desde a dereita que procuraban "crear situacións de incerteza" e insistía en que tales xestos en "momentos de estrema febleza, amosan a alma miserábel da dereita". Os poderes públicos do país temen que detrás desa "campaña orquestrada" esta a procura dun "desenlace violento" --acrecentou Maduro durante a entrevista concecida na Habana á canle Telesur--. Porén, Maduro quixo transmitir unha mensaxe de "confianza" asegurando que sempre dirán "a verdade, sexa cal sexa".

Comentarios