Rajoy recorta nos Orzamentos do Estado un 13% en sanidade, un 21% en educación e só un 4% en Presidencia

A deputada nacionalista Olaia Davila crítica a “diferente vara de medir” do Executivo de Rajoy por centrar os recortes en servizos básicos
Congreso dos deputados, onde se están a debater os Orzamentos Xerais
photo_camera Congreso dos deputados, onde se están a debater os Orzamentos Xerais

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, reprochou hoxe no Pleno á Ministra de Presidencia e Vicepresidenta Primeira do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, que “só reduzan o orzamento do seu departamento nun 3,8% cando recortan en servizos básicos como a Educación nun 21% ou na Sanidade nun 13%". En Defensa, a redución é do 4 por cento. Para Davila, o Goberno de Rajoy está a aplicar unha "dupla vara de medir" pola que centra os recortes orzamentarios en servizos públicos e básicos.

Soraya Sáenza de Santamaría interviu no Pleno para dar conta do orzamento do Ministerio de Presidencia no debate que se está producindo esta semana no Congreso sobre os Orzamentos Xerais do Estado 2012.

Enmendas do BNG

Olaia Fernández Davila salientou as emendas do BNG para mellorar as partidas en Educación, sobre todo “máis cartos para bolsas e axudas”. Demandamos máis recursos para as Políticas de emprego, para a sanidade e a Lei de Dependencia. Davila advertiu que se non hai reactivación económica non se recupera o consumo e entón “sucederá o que vostés pronostican para final de ano: incrementarase o paro”. Así, defendeu o impulso do gasto público porque crea emprego.

No que atinxe á sección de Agricultura, Davila expuxo as emendas do BNG que teñen por finalidade “fixar poboación no rural e rematar co peche de explotacións gandeiras”. Neste sentido, lembrou que no ano 2011 pecharon na Galiza 750 explotacións agrarias, e o mesmo Goberno calcula que esta situación se pode reiterar neste ano.

En Medio Ambiente, a deputada do BNG defendeu as emendas do BNG para mellorar as partidas para recuperar as Rías galegas e executar os proxectos de saneamento e depuración de augas, “ámbitos nos que non observamos compromiso por parte do Goberno”.

Comentarios