O Goberno español autoriza a manifestación falanxista en homenaxe a Primo de Rivera

O fundador de Falange morreu o 20 de novembro do 36, nos primeiros días do levantamento militar fascista. Cada ano por esta data @s falanxistas réndenlle homeanaxe no Valle de los Caídos
photo_camera A simboloxía pre-constitucional, habitual de Falange

O Goberno español vén de dar o visto e prace a unha manifestación en homenaxe a José Antonio Primo de Rivera convocada por Falange cadrando coa súa morte o 20 de novembro do 36, primeiro ano do levantamento militar fascista. O acto realizarase no Valle de los Caídos, até onde peregrinarán @s falangistas o sábado á noite, a partir das nove do serán.

O PP ten rexeitado en diversas ocasións a ilegalización dun partido político de corte fascista, como é Falange. En palabras do secretario de Comunicación da formación conservadora, Esteban González Pons, "eu non son quen para tildar de legal ou ilegal unha corrente de pensamento. Non gosto de que haxa partidos fascistas, mais toléroo na miña condición de demócrata".

As fundacións e entidades fascistas ficaron mimadas polo Goberno español nos mandatos do PP, nomeadamente de José María Aznar. Así, até a chegada do PSOE en 2004 a Fundación Francisco Franco foi a principal beneficiaria das subvencións que o Ministerio de Cultura outorgaba a entidades sen ánimo de lucro. Nun ano, a entidade que preside a filla do ditador recibiu máis de 83 mil euros das arcas públicas, nomeadamente do departamento que daquela encabezaba Pilar del Castillo.

Segundo a convocatoria publicada no BOE, tales axudas estaban destinadas á informatización do material que garda unha entidade cuxo obxectivo é, segundo o rexistro de fundacións do Ministerio de Cultura, "difundir o pensamento de Francisco Franco e contribuír á proxección do seu ideario sobre o futuro da vida española".

En 2003, cun goberno español en mans do PP (José María Aznar), o Grupo mixto elevou no Congreso d@s deputad@s unha pregunta ao redor do trato que o Executivo dispensaba á Fundación División Azul, que recibía subvencións millonarias para "organizar ciclos de conferencias e viaxes de estudos sobre a doutrina e pensamento que presidiron a súa creación e actuación".

Durante os anos de goberno do PSOE houbo pasos para non autorizar os actos de homenaxe a Franco e Primo de Rivera, cadrando co aniversario das súas mortes, actos que finalmente recibiron luz verde dos tribunais após presentar recurso as organizacións convocantes.

Comentarios