Madrid vai controlar as viaxes de Mas ao estranxeiro

O ministerio de Exteriores prepara unha lei para tutelar os desprazamentos internacionais d@s president@s dos territorios para evitar que a Generalitat procure fóra apoios para a consulta pola soberanía. O PSOE de Catalunya pide un referendo para aprobar un novo Estatuto que avance no autogoberno
photo_camera Rajoy e Mas [SG]


O ministerio español de Exteriores traballa nunha lei de Acción e Servizo Exterior cuxo obxectivo fundamental é controlar as viaxes que fan @s president@s dos territorios e que chegará ao Consello de ministros nas vindeiras semanas, segundo informa esta segunda feita o diario El País.

O Executivo de Mariano Rajoy pretende impedir que o presidente da Generalitat, Artur Mas, conte fóra as cambadelas que o PP está a porlle ao pobo catalán para que exerza o seu dereito a decidir nun referendo pola soberanía que se realizará en 2014.

Namentres, o PSOE de Catalunya reclama unha reforma da Constitución que inclúa contidos do Estatuto de 2006 recortados polo Tribunal Constitucional, e un referendo para darlle o visto e prace a un Estatuto en prol do autogoberno, adaptado a esa nova Carta Magna.

Así as cousas, aínda que en Madrid son conscientes de que os territorios poden actuar no estranxeiro no exercicio das súas competencias, o departamento que dirixe José Manuel García-Margallo quere tutelar os desprazamentos que se fagan fóra do Estado. É por isto polo que imporá a devandita norma, en virtude da cal Mas e o resto de president@s terán que lle transladar as súas propostas de viaxes, visitas e actuacións para que Exteriores determine "se se adecúan ou non aos obxectivos fixados polo Goberno".

Di o xornal español que Rajoy non poderá impedir a viaxe, mais emitirá "unha recomendación" que, de non ser acatada, mandaría retirar o apoio que as embaixadas prestan, polo xeral, ás e aos mandatari@s autonómic@s. A disposición do presidente da Generalitat de socializar o veto español ao referendo veranse limitadas tamén polo control que Exteriores realizará sobre os acordos que as Administracións dos territorios realicen con organismos internacionais para controlar que se axustan "ás directrices, fins e obxectivos da política exterior fixados polo Goberno".

Comentarios