O goberno de Venezuela emprenderá accións legais contra El País

Nun comunicado de prensa o goberno de Venezuela, a través do seu Ministro de Comunicación Ernesto Villegas, anuncia que exercerá accións legais contra o xornal El País por publicar a foto dun home entubado que facían pasar por Hugo Chávez.

 
Ernesto Villegas, ministro de Comunicación de Venezuela
photo_camera Ernesto Villegas, ministro de Comunicación de Venezuela

O Ministro de Comunicación, Ernesto Villegas, foi o encargado de facer público un comunicado do goberno que non aforrou críticas para cualificar a actuación de El País, que no día 24 tivo que retirar a edición en papel xa distribuída por publicar unha foto falsa de Hugo Chávez na que se vía un home entubado.

Ademais de manifestar o rexeitamento, o goberno da República Bolivariana de Venezuela cualifica a publicación como “acción temeraria, quque pasará á historia como unha vergoñenta páxina do xornalismo mundial” inscrita, ao seu ver, nunha “ofensiva sistemática do poder mediático transnacional” contra o goberno. Situou, nese sentido, situou “a prensa hexemónica española”, na punta de lanza do ataque e, en especial, ao ABC e El País.

A publicación da fotografía do home entubado facéndoa pasar polo presidente Hugo Chávez, continúa o comunicado , “non só violentou todas as normas éticas do xornalismo senón tamén o proio Manual de Estilo do xornal en cuestión, así como os máis elementais dereitos inherentes aos pacientes e á persoa humana”. Por todo isto, anunciou que o goberno venezolano emprenderá accións legais contra El Pais que, “na súa arrogancia” non pediu disculpas nin ao pobo nin aos dirixentes de Venezuela.

Criticou o ministro que El País ofrecera só desculpas aos seus lectores e non ao pobo e ao goberno venezolano e lembrou, nese sentido, a posición partidaria do xornal en 2002 ao aupar a ditadura de Pedro Carmona.

O ministro Villegas, que é de profesión xornalista, foi crítico coa actuación de El País e comentou que a imaxe que o xornal facía pasar por Chávez foi tamén distribuída a outros xornais como El Mundo sen que aceptaran a súa publicación. Ao seu ver, as razóns que levaron a El País a facela pública son “a estupidez que os inhabilita para exercer o xornalismo ou a mala fé, e eu non creo que sexan estúpidos” afirmou.

A presidenta da Arxentina, Cristina Kirchner foi tamén moi crítica co xornal editado en Madrid e a través das redes sociais calificou a publicación da foto de "canallada".

Comentarios