O goberno cumpre a exixencia de Bruxelas e aproba unha nova reforma financeira

O decreto contempla a liquidación de entidades inviábeis e crea o banco malo, que asumirá o ladrillo das entidades. De Guindos afirma que a reforma "non custará un euro" á cidadanía

Tal e como se esperaba, o consello de ministr@s desta sexta feira aprobou unha nova reforma financeira (a terceira nos meses de mandato de Rajoy e a quinta nestes últimos anos), que se vai concretar na constitución do 'banco malo' e en dar poderes ao FROB para liquidar entidades que considere inviábeis, unha cuestión esta que xera gran preocupación no cadro de persoal de Novagalicia Banco.

O propio PP recoñece que esta era a reforma que se pedía desde Bruxelas para abrir a billa das axudas de 100.000 millóns de euros para sanearen a banca española. No que atinxe ao 'banco malo' (o ministro de Guindos afirmou que non vai costar un euro á cidadanía) comprará os activos inmobiliarios "danados" ás entidades a un prezo "adecuado" e terá unha duración de entre 10 e 15 anos. Diferentes expert@s xa viñan advertindo estas semanas de que o 'banco malo' español pode ser unha bomba de reloxaría pois será unha xigantesca inmobiliaria con centos de milleiros de vivendas.

O capital do 'banco malo' virá do FROB (que o obterá da achega de Bruxelas) e de investimentos privados. Mais gran parte da financiación será con débeda. O tamaño deste banco dependerá de cales van ser as entidades axudadas (de Guindos recoñece que aínda non saben cales van ser) e do valor dos activos. 

Preferentes

No relativo ás preferentes, no consello de ministr@s decidíuse que se vai permitir cambiar as preferentes e débeda subordinada por accións, ofertar a recompra deses títulos por outros produtos financeiros, a redución do valor da débeda e a amortización anticipada a valor distinto do emitido.

Reforma sanitaria

Na rolda de prensa posterior ao consello, Soraya Sáez de Santamaría afirmou que aquelas persoas que non residan legalmente en no estado non teñen dereito á tarxeta sanitaria aínda que, puntualizou, iso non quere dicir que non teñan dereito á asistencia. Iso si, recoñeceu, terana que pagar.

Comentarios