O goberno central, disposto a eliminar días festivos

A vicepresidenta española, Soraya Sáenz de Santamaría, sinala tras o consello de ministr@s que o executivo central "non descarta" acudir ao rescate se este "é bo para os españois". A portavoz do goberno español tamén se posicionou contra o debate soberanista en Catalunya e insistiu nas ameazas a EH-Bildu por cuestionar as últimas detencións.
Soraya Sáenz de Santamaría
photo_camera Soraya Sáenz de Santamaría

A reforma do calendario laboral ía ser unha das cuestións que o Consello de ministros ía abordar hoxe. Porén, na comparecencia posterior ao mesmo, a vicepresidenta española Soraya Saénz de Santamaría non falou do asunto. De aí que varias preguntas dos xornalistas se dirixisen cara a este tema. Santamaría limitouse a sinalar que o goberno estaba a estudar a eliminación de festivos, dialogando sobre isto con Conferencia episcopal, axentes sociais e comunidades autónomas.

Cómpre lembrar que unha das demandas de diversos órganos comunitarios ao Estado español é que varíe o actual calendario, pois consideran que hai demasiados festivos e pontes. Desde os círculos de empresarios vaise máis alá e mesmo se fala de que as vacacións son demasiadas para un contexto de necesidade, apuntan, de competir e incrementar dita competencia.

Así que o executivo de Mariano Rajoy está disposto a aplicar as tesoiras tamén nos días festivos, para o que estaría a negociar cales e como con comunidades autónomas e a igrexa católica.

Cómpre lembrar que patronal e sindicatos maioritarios xa acadaron un acordo durante as negociacións ás cales lles instou ao presidente do goberno, Mariano Rajoy, en xaneiro de 2012, antes de aprobar a reforma laboral, para trasladar ás segundas as festividades da Asunción (15 de agosto), Todos os Santos (1 de novembro) e a Constitución (6 de dicembro).

Euro por receta

A vicepresidesnta tamén se pronunciou sobre a decisión da comunidade de Madrid de aplicar o euro por receta farmaceutica, manifestando o seu respecto pola decisión mais distanciándose dela, afirmando que "non é o noso modelo".

No que atinxe ao rescate, Santamaría limitouse a sinalar, como en anteriores comparecencias, que o executivo "non descarta" acudir ao rescate, mais só se este paso "é bo para os españois".

Desafiuzamentos

A resposta do executivo perante o drama social que están a provocar os desafiuzamentos hipotecarios, limitarase polo momento a poñer en marcha un grupo de traballo para "procurar solucións". Nese grupo estarían os ministerios de Economía, Traballo e Xustiza. Ademáis, o goberno manifestou o seu interese en chegar a acordos nesta cuestión con outros grupos parlamentares, principalmente co PSOE. Na Galiza a media diaria de persoas que quedan na rúa por desafiuzamentos é de 50.

Catalunya

Catalunya foi outra das cuestións que centrou a comparecencia de Soraya Saénz. Evitou responder preguntas concretas (como se o Estado español vetaría o impreso dunha Catalunya independente na UE) aducindo que era un tema demasiado "trascendente". Mais non deixou pasar a oportunidade de criticar a nacionalistas e mesmo ao PSC polas súas posturas a respecto do modelo territorial ou do dereito a decidir do pobo catalán.

Bildu

Por derradeiro, Sáenz de Santamaría referiuse tamén a EH-Bildu e á investigación aberta pola Fiscalía Xeral do Estado a raíz das declaracións de dirixentes da formación da esquerda abertzale criticando as últimas detencións. A vicepresidenta sinalou que o executivo sigue o traballo que está a facer a  Fiscalía, mais apuntando que se Bildu violou a Lei de Partidos tomarán medidas ao respecto, en clara coincidencia coas ameazas de ilegalización verquidas días atrás polo ministro do Interior.

Comentarios