O futuro da Venezuela bolivariana

Após ser intervido satisfactoriamente na Habana, como asegura o parte médico feito público esta terza feira, Hugo Chávez permanecerá en Cuba varios días máis. A decisión adoptada polo presidente venezolano que sinalou o vice-presidente e chanceler, Nicolás Maduro como sucesor deixou ver que o estado de saúde de Chávez é grave. Porén, que futuro se abre para a revolución bolivariana sen Chávez?
Apoio Chávez
photo_camera Apoio Chávez

As eleccións presidencias transcorridas en Venezuela o pasado mes de outubro, amosaron un apoio maioritario ao proxecto político iniciado por Hugo Chávez hai máis dunha ducia de anos. Porén, o proceso de cambio sempre mantivo unha estreita relación coa figura do comandante polo que a súa saída abre dúbidas a respecto de cal será o futuro en caso de impedimento ou "ausencia absoluta" do presidente.

Neste sentido, a Constitución venezonala estabelece dúas posibilidades en función do momento en que se producir a baixa de Hugo Chávez ou mesmo de falecer este, como recolle o xornal brasileiro Carta Maior. Así, se o presidente re-eleito non puidese asumir o seu cargo o vindeiro 10 de xaneiro de 2013, sería Nicolás Maduro, actual vice-presidente e chanceler, quen asumise as funcións como tal baixo obriga constitucional de convocar eleccións en 30 días. Da mesma maneira, se Chávez ficase impedido ou falecese durante os primeiros tres anos de mandato, Maduro convocará de novo comicios.

A Constitución estabelece que o adianto electoral se producirá en caso de impedimento ou morte nos primeiros tres anos de mandato

Porén, se a saída de Hugo Chávez se produce durante a segunda metade da lexislatura será Nicolás Maduro quen continúe á fronte do país até rematar o mandato en calidade de vice-presidente. No entanto, o presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello, poderá convocar comicios se así quixer pois o vice-presidente Maduro non é un cargo eleito, senón que foi elixido polo presidente de entre os membros do seu partido. Así acontece noutros sistemas presidenciais como os Estados Unidos.

Henrique Capriles aseguraba após coñecer a nova da enfermidade de Chávez que "perante calquera interrogante, a Constitución ten a resposta" porén, afirmaba que devaditas incertezas sobre o futuro do país deberían ser resoltas "polo pobo" niso, dixo Capriles "a Constitución é clariña", malia que a Carta Magna venezolana posúa diversas opcións en función do momento en que se producir a saída do presidente. Aliás, o que foi candidato da coalición de dereitas acusou o goberno chavista de "mentir" nas eleccións presidenciais. Desta maneira Capriles aproveitou a enfermidade do presidente Chávez para bater contra a súa vitoria electoral argüíndo "algo estaba pasando e o país nunca o coñeceu".

Para alén das críticas da oposición, o certo é que o anuncio de Chávez espertou inquedanzas dentro e fóra do país a respecto da saúde do líder bolivariano e mesmo da súa posíbel morte. Mais non só as dúbidas se cernen sobre o futuro presidencial venezolano senón tamén do chavismo en tanto que proxecto político conformado por unha amalgama de formacións cuxo eixo central se sitou desde o comezo na figura do comandante. Neste sentid, a intervención do presidente venezolano antes de partir para a Habana foi un chamamento permanente á unidade --orgánica e patriótica, razón que puido motivar a escolla de Nicolás Maduro, pertencente ao movemento sindical, e non a un dirixente militar.

Henrique Capriles aproveitou a ocasión para bater contra o presidente re-eleito e para demandar unha nova convocatoria electoral

Así as cousas, a inestabilidade que se puider producir en Venezuela verbo dos problemas de saúde de Chávez, mesmo podería supor un freo aos procesos de cambio iniciados na rexión. O papel desenvolvido polo líder da revolución bolivariana no estourido de importantes mudanzas políticas en América Latina, mais tamén o pulo outorgado aos procesos de integración rexional evidenciouse nas mostras de apoio que os presidentes de Cuba, Ecuador, Bolivia, Uruguay ou mesmo Arxentina fixeron após coñeceren o emporamento da saúde de Chávez.

No entanto, o futuro da revolución bolivariana dependerá do decorrer dos acontecementos ao longo dos vindeiros días.

Comentarios