O FMI teme que a resposta social poña en xaque a política de recortes imposta pola Troika

Christine Lagarde amosa a súa preocupación na xuntanza do G-20 sob o estourido social por mor das consecuencias da crise para a clase traballadora. A xerenta do FMI asegurou que a vaga de protestas acontecidas no sur de Europa poderían facer "insostíbeis politicamente" as medidas deseñadas pola troika. 

Christine Lagarde
photo_camera Christine Lagarde

As vinte economías que representan o 90% do PIB mundial e o 80% das relacións comerciais internacionais reuníronse a pasada fin de semana en Mexico, para abordaren cuestións referidas á crise económica e financeira. Malia constituír un grupo cuxas decisións --na teoría-- non son estritamente vinculantes, o certo é que na práctica este foro adopta acordos que finalmente son materializados polos gobernos que fan parte do grupo.

Nesta ocasión, Christine Lagarde, xerenta do Fondo Monetario Internacional --organización que configura xunto co BCE e a Comisión europea a denominada troika, interviu na xuntanza que desenvolveron @s representantes ministeriais de Finanzas do G-20 para amosar os posicionamentos da organización a respecto da crise sistémica, porén, Lagarde fixo especial fincapé na realidade económica e social que se está a vivir en Europa e os EUA --dous dos grandes bloques económicos e comerciais do mundo.

Segundo Christine Lagarde, o FMI teme que se produza un "estourido social" nas economías intervidas pola troika verbo da "tensa situación" en que viven estes países.

A imposibilidade de facer fronte a unha débeda cada vez maior e a aprobación de políticas e medidas regresivas que non fan senón afondar na recesión, esta a pór as clases traballadoras da periferia europea nunha situación límite que motivou a convocatoria dunha xornada de folga para o vindeiro 14N. Neste sentido, Lagarde asegurou que o "crecente malestar social" poida xerar conflitos en países como Grecia ou Portugal.Aliás, a xerenta do FMI, avanzou no seu informe que a realidade económica podería empeorar ao entrar en recesión "de maneira inminente" os EUA.

Malia a "preocupación" amosada pola FMI, o certo é que boa parte das políticas implementadas polos gobernos da eurozona, veñen deseñadas desde a organización internacional. Porén, Christine Lagarde, asegurou que as crecentes protestas desenvolvidas no sur de Europa --como as protagonizadas en Grecia durante a folga xeral de 48h convocada polos sindicatos os pasados 6 e 7 de novembro-- poderían ser "insostíbeis politicamente", asegurou.

Comentarios