O Estado gasta 115.640 euros en bandeiras españolas para as embaixadas

Un deputado de ERC espalla polo twitter algúns dos gastos máis escandalosos do Estado español publicados no BOE
Pere Aragonès, deputado de ERC
photo_camera Pere Aragonès, deputado de ERC


A ofensiva do ministro de Asuntos Exteriores do Estado español, José Manuel García-Margallo, contra as sedes que ten a Generalitat no exterior xa ten resposta nas redes sociais. Pere Aragonès, deputado de ERC e concelleiro no municipio de Pineda (Barcelona), denunciou hai meses no Parlament estes gastos e agora pasou a twitter (@perearagones) algúns dos escandalosos gastos que o goberno español realiza no exterior e tamén en armamento. Recollidos algúns deles polo xornal Vilaweb, todos publicáronse no seu momento no BOE e están a disposición de calquera.

Entre os gastos de Defensa máis curiosos nestes tempos de recortes figuran, por exemplo, 269.750 euros no bar "La Cita" da Base de Torrejón de Ardoz, onde tamén hai unha bolera, ou os 4.403.589 euros en munición nos últimos tres meses e medio. Realizar estudos para colocar un mastro nunha fragata (2.000.000 euros) e segar a palla para alimentar aos cabalos do exército (206.910 euros) entran tamén na listaxe publicada polo político independentista.

Os datos achegados por Pere Aragonès están a crear un gran debate nas redes sociais na etiqueta #cosesdelBOE

Os gastos realizados no exterior dan conta de que o goberno español non é moi aforrador. Na construción das vivendas d@s diplomáticos o Estado gastou 5.951.377 euros en Marrocos, 1.770.040 euros en Londres e 4.849.428,91 euros en Xordania. En decoración tamén os orzamentos foron elevados con 102.080 euros en Guinea-Bissau, 324.222,17 en México, 160.000 en Khartum, 350.000 en Beijing, 283.346 en Nova Delhi ou 560.000 en Tokio.

A simboloxía tamén ten custes e o Estado gastou en 115.640 euros en bandeiras españolas e os retratos de El-Rei e a Raíña para a embaixada de Berlín que se levaron 73.590 euros.

Na representación exterior tamén conta o sector da cultura e Pere Aragonès denuncia na súa conta de twitter que, ao tempo que se discutía a posibilidade dun resgate económico, o Instituto Cervantes gastaba 986.040,25 euros nas obras da súa sede en Londres.

Os datos achegados por Pere Aragonès están a crear un gran debate nas redes sociais na etiqueta #cosesdelBOE. O deputado asegura nun destes chíos que hai máis gastos que non figuran xa que só se publican "os contratos a partir dun custe determinado".

Comentarios