O Estado español pede desculpas a Evo Morales polo 'secuestro' do seu avión

Pasaron 15 días desde que varios estados europeos, entre eles España, tiveron o presidente boliviano dando voltas durante tres horas e media ao lle prohibir sobrevoar os seus espazos aéreos. Agora o Executivo de Rajoy di que "lamenta" o acontecido, tamén a intención de lle rexistrar o avión


O Estado español "lamenta" o acontecido co avión en que viaxaba o presidente de Bolivia, Evo Morales, ao que tiveron dando voltas durante tres horas e media ao lle negar varios estados europeos, entre o español, a posibilidade de aterraxe. Finalmente aterrou de emerxencia en Viena. Tiveron que pasar case quince días para que o Executivo de Mariano Rajoy pedise desculpas polo que o goberno boliviano cualificou de "primeiro secuestro do imperialismo". 

Evo Morales voltaba a Bolivia após participar en Moscú na cimeira de países exportadores de gas cando lle foi negado o permiso para sobrevoar o seu espazo aéreo. España foi máis aló e pretendeu rexistrar o avión cando aterrou en Viena, vulnerando o dereito á inviolabilidade da figura do xefe do estado boliviano, ao considerar que canda el viaxaba Edward Snowden, reclamado polos EUA por divulgar información clasificada.

"Lamentamos este feito, presentamos as nosas escusas por este proceder que non foi o axeitado, que molestou ao presidente e o colocou nunha situación difícil e impropia dun xefe de Estado", sostivo Ángel Vázquez, embaixador español en La Paz, nunha rolda de imprensa após entregar a nota coas desculpas ao vice-chanceler de Bolivia, Juan Carlos Alurralde. 

Comentarios