O Estado español ameaza a Bolivia con mudar as relacións bilaterais após a expropiación da filial

Así o anunciou o ministro de Exteriores quen tildou de "inamistosa" a decisión do Goberno de Evo Morales de nacionalizar as filiais de Albertis e Aena. Pola súa banda, o presidente boliviano advertiu que de non existir relacións co executivo español teranas cos "movementos sociais" estatais.
Evo Morales (Foto: Europa Press).
photo_camera Evo Morales

"Sen previo aviso e con ocupación pola forza". As verbas non son dun manifestante de STOP Desafiuzamentos senón do ministro de Exteriores español, Juan Manuel García-Margallo. O responsábel de relacións internacionais do executivo de Mariano Rajoy denunciou que a decisión adoptada polo Goberno boliviano a respecto das filiais de Albertis e Aena constitúe "un acto inamistoso" entre ambos os dous Estados polo que o ministro anunciou a "revisión" das relacións bilaterais. Non é a primeira vez que García-Margallo chama á orde ao executivo de Morales a través da súa embaixadora. En xaneiro, o Goberno Rajoy respondía de igual maneira após a nacionalización da filiar coa que Iberdrola operaba no país latinoamericano, porén a lei ampara a actuación do xefe de Estado de Bolivia.

Segundo apuntou García-Margallo o executivo respecta "o dereito soberano" de calquera país a decidir sob os seus recursos e servizos, porén, o ministro vén de exixir ao executivo de Evo Morales o pagamento de 63 millóns de euros en concepto de indemnización pola expropiación sucedida a pasada segunda feira.

O Goberno español considerou a expropiación "un acto inamistoso" e advertíu a Bolivia que revisará as relacións bilaterais entre ambos os dous países

De acordo co ordenamento xurídico internacional e a Resolución 1803 (XVII) da Asemblea Xeral das Nacións Unidas sobre soberanía permanente dos recursos naturais asinada polo Estado español, "a nacionalización ou expropiación deberá fundarse en razóns ou motivos de utilidade pública, seguridade ou interese nacional" e de se produciren pagamentos en concepto de indemnización serán "de acordo coas normas en vigor do Estado no que se adopten estas medidas" e non, como pretende o executivo español, en función dos danos supostamente proferidos ao Estado. Así mesmo, continúa a resolución internacional, de se producir "un litixio" ou conflito de intereses maior, o Estado nacionalizado --neste caso a empresa privada nacionalizada-- deberá esgotar a xurisdición boliviana e procurar sempre unha solución baseada no principio de "boa fe" co que confronta a hipotética ruptura de relacións diplomáticas ou a revisión destas.

Morales advirte "se non é co Goberno teremos relacións cos movementos sociais"

Porén, o presidente Evo Morales foi moi rotundo e directo na súa interpelación ao Goberno español após coñecer que o executivo de Mariano Rajoy procuraba empregar as relacións de cooperación entre ambos os dous Estados como medida de presión perante a expropiación de dúas das filiais españolas que controlaban a xestión de tres aeroportos bolivianos. "Bolivia terá relacións diplomáticas con todo o mundo", sentenzou Morales quen acrecentou "eu non escoitei que houber problemas nas relacións bilaterais". Porén, o presidente matizou "se non é co Goberno español teremos relacións cos movementos sociais de España".

Comentarios