PP e Cs chaman a manifestarse contra Sánchez

A entrada en xogo dunha figura mediadora entre España e Catalunya acende a oposición dereitista

A Generalitat quería un mediador internacional. O Goberno español oferece en troca unha figura de menor perfil, un relator, que é unha forma distinta de lle chamar ao que sería en realidade un negociador entre os dous polos en conflito. É a última baza de Sánchez para non romper as pontes con Catalunya e salvar os orzamentos. PP e Cs convocan mobilizacións na rúa e tildan o presidente do goberno español de traidor.

45057571695_73fdbc05a4_z
photo_camera Carmen Calvo, con Emiliano García Page nun encontro institucional.

Que funcións desenvolvería o relator? Segundo a aparente autora intelectual desta iniciativa, a vicepresidenta Carmen Calvo, as seguintes: será unha persoa que "axude a organizar e a negociar", en ningún caso un mediador estranxeiro porque "non hai un conflito internacional".

O relator poríase á frente dunha "mesa de partidos", un órgano que tería como propósito desescalar a tensión entre Catalunya e o Estado nun contexto marcado por dous eventos que practicamente se solapan: o comezo a vindeira terza feira do xuízo na Audiencia Nacional aos presos independentistas e o debate no Congreso das emendas á totalidade aos orzamentos, a comezar polas de ERC e o PDeCAT.

Calvo esforzouse esta cuarta feira por distanciar o relator do catálogo de demandas —até 21— que o Govern Torra lle formulou ao Estado na cimeira de Barcelona, un documento divulgado esta terza feira pola Generalitat.

A oposición dereitista non o ve así. PP e Cs falan directamente de "alta traición" a España (Casado) e da necesidade de criar un "frente cívico fronte Sánchez" (Albert Rivera). A reacción non fica no desabafo dialéctico: as formacións conservadoras chaman directamente á mobilización nas rúas e anuncian unha manifestación para o domingo 10 de febreiro ás 11 horas.

A iniciativa de Carmen Calvo tamén encontrou críticas no sector xacobino do PSOE, con, por exemplo, o presidente de Castela A Mancha, Emiliano García Page, a dicer que "o do relator me deixa moi perplexo, se se trata de ter unha testemuña, que o fagan no Parlamento".

Comentarios