O Congreso dos EUA blinda a prisión de Guantánamo após tres anos do anuncio do seu fechamento

Desde o ano 2002, a base militar situada na baía de Guantánamo converteuse nunha prisión sen precedentes edificada á marxe do propio dereito estadounidense. Malia que Barack Obama anunciou en xaneiro de 2009 que fecharía no prazo dun ano a cadea, tres anos despois o Congreso dos EUA vén de aprobar unha emenda con que prohibe o traslado dos prisioneiros cara a territorio estadounidense.
Presos en Guantánamo
photo_camera Presos en Guantánamo

A base militar de Guantánamo data de comezos do século XX (1903) cando foi alugada pola administración de Theodore Roosevelt ao goberno de Cuba. Malia que desde o triunfo da Revolución (1959) o goberno de Cuba considera a existencia da base militar na baía, territorio cubano ocupado, os Estados Unidos emprégana desde 2002 como prisión de alta seguridade onde destinan a "prisioneiros acusados de terrorismo" na súa maior parte procedentes de Afganistán. Porén, a propia xurisdición estadounidense, a través de senllas sentenzas promulgadas polos tribunais do país, poñen en cuestión a legalidade da prisión e as prácticas que nela desenvolven os militares.

En 2006 un informe da ONU exixía o "fechamento inmediato" de Guantánamo

Obama anunciaba o seu peche en 2009

Neste sentido, en febreiro de 2006 un informe elaborado pola Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas exixía "o fechamento inmediato" do centro ao asegurar que nel se sometía a tortura aos detidos. No documento emprazaba a administración estadounidense a trasladar aos presos a cadeas estadounidenses ou a liberalos; ao tempo que denunciaba os procedementos empregados nos interrogatorios, entendidas polos EUA como "tácticas de interrogación reforzada". Asemade, o informe denunciaba violacións do dereito internacional ao negárselles ás persoas encarceradas, entre outras cuestións, o dereito de habeas corpus e a un procedemento xudicial ordinario.

En 2009 Obama asinaba o seu encerramento, porén após tres anos da promulgación da norma a prisión continúa activa. 

A creación da prisión fóra do territorio estadounidense, permite ao goberno dos EUA, desenvolver prácticas fóra da xurisdición dos seus tribunais, que fican excluídos da investigación ou tramitación dos casos levados a Guantánamo. Así as cousas, a emenda aprobada a pasada semana polo Congreso dos EUA procura impedir que os presos sexan derivados a cadeas estadounidenses e procura adiar o encerramento da cadea. A senadora republicana, Kelly Ayotte --que presentou e defendeu a emenda-- argumentou a súa proposta argüíndo que tiña por obxecto evitar que "os terroristas procuren acceso aos dereitos que lles outorgarían as cortes" estadounidenses.

A disposición foi aprobada por 54 votos a favor e encamíñase a impedir que o departamento de Defensa empregue fondos para re-ubicar os reos en penitenciarías federais. Cuestión que contradí a vontade expresada polo presidente dos EUA, Barack Obama, en 2009. No seu primeiro mes de mandato, Obama asinou unha orde executiva pola que ditaba o encerramento da prisión --nun prazo dun ano-- após converter a promesa nunha idea forza durante a campaña electoral. Porén, en decembro de 2011 promulgaba unha outra lei mediante a que autorizaba a detención militar indefinida sen xuízo para "sospeitosos de terrorismo". Aliás, após tres anos da sinatura do seu peche, Guantánamo continúa funcionando co 171 persoas detidas, moitas delas sen seren postas aínda a disposición xudicial.

Comentarios