O centrista Armin Laschet elixido presidente da CDU alemá

A Unión Cristiá Demócrata aléma, o partido da chaceler Angela Merkel, elixiu a Armin Laschet como novo líder.
Armin Laschet, ministro presidente do estado alemán de Renania do Norte-Westfalia (Foto: CDU Nordrhein-Westfalen.)
photo_camera Armin Laschet, ministro presidente do estado alemán de Renania do Norte-Westfalia (Foto: CDU Nordrhein-Westfalen.)

O ministro presidente do estado alemán de Renania do Norte-Westfalia, Armin Laschet, gañou a elección ao liderado da Unión Cristiá Demócrata (CDU), o partido da chanceler alemá, Angela Merkel, no primeiro paso para decidir o candidato que tentará suceder á mandataria á fronte da Cancillería nas eleccións nacionais deste ano.

Laschet, de 59 anos, á fronte do estado máis poboado do país e considerado unha opción de continuidade, venceu nunha segunda volta ao crítico de Merkel, o poderoso avogado empresarial Friedrich Merz, tras a derrota en primeira rolda da votación do terceiro en discordia, o experto en política exterior e presidente da Comisión de Asuntos Exteriores do Bundestag Norbert Roettgen.

Con todo, nada está decidido. Laschet enfrontarase ao primeiro ministro de Baviera e líder da formación irmá da CDU, a Unión Social Cristiá (CSU), Markus Soeder, considerado agora mesmo como o gran favorito para facerse co nomeamento do bloque conservador.

"Son consciente da responsabilidade que implica este traballo e farei todo o posíbel para facelo ben nas próximas eleccións rexionais e para asegurarme, para as eleccións nacionais que o próximo chanceler, proveña deste partido", declarou Laschet tras a súa vitoria.

Continuidade

Laschet, que obtivo 521 dos votos de 991 delegados, fronte aos 466 delegados que apostaron por Merz, emerxe como un líder de partido comprometido coa estabilidade das liñas xerais trazadas pola chanceler, no medio dunha Europa devastada economicamente pola pandemia, e coa dobre intención de restaurar os lazos transatlánticos coa Administración entrante de Estados Unidos e asumir un papel máis importante no escenario mundial.

Dos tres candidatos, Laschet foi o maior partidario de Merkel e o máis proclive a manter o seu rumbo centrista, fronte aos desafíos da ultradereita e os separatismos. "A Alemaña que imaxino é unha Alemaña europea", declarou Laschet aos delegados antes da votación. "Necesitamos poder integrarnos, manter unida a sociedade".

Fillo dun capataz de minaría de carbón, Laschet graduouse en Dereito e exerceu como director dun xornal católico e lexislador no Bundestag e no Parlamento Europeo antes de ser elixido primeiro ministro de Renania do Norte-Westfalia en 2017. Os seus vínculos coa comunidade de inmigrantes durante o goberno rexional valéronlle o alcume de "Armin o Turco" e o seu comportamento sereno lembra a moitos alemáns á chanceler saínte.

Comentarios