O Borbón 'castiga' a imputación de Urdangarín borrándoo da web da casa real

É esta a única secuela que até o de agora tivo para o xenro do Rei a súa imputación por prevaricación no 'caso Nóos', polo que terá que declarar o 23 de febreiro


Iñaki Urdangarín xa non fai parte "do pack" dos Borbón. A casa do Rei vén de proceder a eliminación da súa biografía, que podía consultarse na web institucional, portal onde o xenro de Juan Carlos I non terá tampouco perfil propio, se ben seguirá a aparecer no histórico de actividades.

Así llo confirmaron fontes da casa real ás axencias de noticias españolas, insistindo en que a decisión tomada non ten nada a ver coas últimas informacións sobre Urdangarín, senón que só se trata de "reafirmar e recordar" a desvinculación iniciada a finais de 2011, cando foi apartado dos actos oficiais após a súa imputación por corrupción no 'caso Nóos', polo que foi chamado a declarar o vindeiro 23 de febreiro.

Temía o Borbón que a visita familiar que lle fixeron ao hospital após a súa última operación de cadeira, na cal Urdangarín acompañou á infanta Cristina, ou a cea de nadal na Zarzuela da cal tamén fixo parte, foran interpretadas como un achegamento. Así que, decidiron "marcar distancias" eliminándoo da páxina web.

Di a casa do Rei que non actúan tampouco con motivo da información contida nos correos que o ex socio de Urdangarín, Diego Torres, entregou nesta semana ao xuíz e que deixan ver a estreita relación que mantiñan ambos: o ex xogador de balonmán permítese asinar as mensaxes referíndose a si propio como 'el Duque em-Palma-do'.

Comentarios