O BCE supedita a compra de débeda ao cumprimento de "estritas condicións" e ao control das reformas

O Banco Central Europeo (BCE) comprará débeda soberana de estados como o español a un control  das reformas que desenvolvan e ao cumprimento de "estritas condicións"
BCE

A compra de débeda soberana polo BCE, unha das peticións constantes do goberno español nas instancias e organismos europeos, xa ten prezo. Ven de o poñer o presidente do Banco Central Europeo, Mario Draghi, nunha entrevista no xornal alemán Der Spiegel. Draghi vincula ese paso co feito de que os estados a quen se lle compre a débeda se sometan a revisións periódicas e constantes das medidas que se teñan que desenvolver no marco dos programas de rescate que soliciten.

"Só mercaremos débeda deses países se estes aceptan estritas condicións e comprobaremos que estas se cumpran", manifestou Draghi, que engadiu na entrevista que no caso do estado en cuestión non seguir ese guión, "non se reanudará" o programa de compra da débeda.

Nesta mesma liña, o presidente do BCE considera que "non hai mellor protección" contra a crise que bate a Eurozona que o "éxito das reformas estruturais nos países do sur de Europa".

Desde o BCE defendeuse a existencia dun supervisor bancario común, "con sede en Francfort", pois será unha ferramenta "máis independente", lembrando que os supervisores nacionais non sempre mostraron desvencellamento dos seus respectivos gobernos e mesmo en ocasións "silenciaron as dificultades do sector bancario".

2014

O responsábel do Banco Central Europeo tamén apuntou que este instrumento estaría a pleno rendemento en 2014, a data preferida por Alemaña e que non convence o goberno español, que preferiría que fose en 2013. De feito o atraso suporía un prexuízo para os plans de Madrid neste ámbito.

Comentarios