O BCE lembra aos gobernos "que perderon a súa soberanía hai tempo"

O presidente do Banco Central Europeo (BCE) toma partido a prol da intervención directa de Bruxelas nos orzamentos estatais e avoga porque os estados transfiran aínda máis soberanía "a nivel europeo"
Draghi
photo_camera Draghi

"É a soberanía, parvo". A frase de Bill Clinton ("É a economía, parvo") en que achacaba ao seu rival electoral republicano cal era o tema fulcral que cumpría ter en conta ben podería manterse agora, coa soberanía  como centro. O presidente do Banco Central Europeo (BCE) vén de deixar clara a cuestión: "Moitos gobernos deben decatarse que perderon a súa sobernía nacional hai tempo".

As declaracións do mandatario fanse ao abeiro da defensa que este fai de que Bruxelas interveña directamente nos orzamentos dos estados membros. As contas que constitúen a trabe de ouro do proxecto económico dos executivos estatais pasarían, xa que logo, polas tesoiras e decisións de Bruxelas. A sobernaía nacional, baixo mínimos.

Restaurar a confianza

Mario Draghi afirmou que está "totalmente a favor" desta intervención e pide aos gobernos "que a consideren seriamente". O presidente do BCE considera que "para restaurar a confianaza na Eurozona, os países deben transferir as súas soberanías a nivel europeo". Só así, insiste, poderían os estados gañar poder fronte aos mercados.

O presidente do Banco Central Europeo, Mario Draghi, tamén falou da compra directa de débeda soberana. Draghi vincula ese paso co feito de que os estados a quen se lle compre a débeda se sometan a revisións periódicas e constantes das medidas que se teñan que desenvolver no marco dos programas de rescate que soliciten. "Só mercaremos débeda deses países se estes aceptan estritas condicións e comprobaremos que estas se cumpran", manifestou Draghi, que engadiu na entrevista que no caso do estado en cuestión non seguir ese guión, "non se reanudará" o programa de compra da débeda.

Comentarios