O Banco Central Europeo non exixiu a modificación da Constitución pactada por PSOE e PP

O Valedor do pobo europeo afirma que o BCE non lle pediu ao Estado español que variase a Constitución para limitar a débeda pública, acordada por socialistas e populares en setembro

En setembro do ano pasado, PSOE e PP pactaron unha polémica modificación da Constitución española (até aquel entón, defendida como un texto 'inviolábel') para fixar un teito para o endebedamento público. Unha decisión xustificada polo goberno español e o daquela principal partido da oposición en que desde Bruxelas se lles estaba exixindo dar eses pasos e que había recomendacións nese sentido, con referencias a misivas do Banco Central Europeo.

Un avogado español presentou unha reclamación perante o Valedor do pobo europeo para que se informase sobre se a carta do BCE exixía esas modificacións na Carta magna. O letrado deu este paso despois de pedir, sen éxito, que se fixese público o contido da misiva.

A resposta do Valedor prodúcese por unha reclamación dun avogado español

O Valedor europeo vén de dar resposta a esa reclamación. Sinala que aínda que é entendíbel a negativa para facer público o contido da carta, argumentando que prexudicaría o interese público por abordar cuestións transcendentais da política monetaria e económica europea, si que confirma que nesa carta non se suxería nin pedía que se acometesen modificacións na Constitución para limitar a débeda pública.

Comentarios