O anuncio de Francia de retirar as tropas de Afganistán non altera os plans de guerra da OTAN

O secretario xeral da Alianza Atlántica dixo comprender as razóns francesas mais anunciou que o resto dos estados implicados na operación seguirán a combater en Afganistán en 2013
Tropas internacionais en Afganistán
photo_camera Tropas internacionais en Afganistán

A Cimeira da Alianza Atlántica que se está a desenvolver en Chicago estivo marcada polo anuncio do novo presidente de Francia, François Hollande, de retirar os 3.200 soldados franceses que combaten en Afganistán antes de fin de ano. Unha decisión que o secretario xeral da OTAN, Anders Fogh Rasmussen, afirma comprender mais que xa deixou claro que non vai ser secundada por máis países nin vai alterar substancialmente os plans da Alianza en Afganistán.

“É importante deixar claro que os nosos soldados seguirán implicados na guerra en 2013” afirmou o xefe das forzas internacionais en Afganistán, o xeneral estadounidense John Allen

Así, as tropas da OTAN “seguirán implicadas na guerra” en 2013, en palabras do xeneral estadounidense John Allen, responsábel das forzas internacionais en Afganistán. Os plans dos estados con presenza militar nese país é que a retirada definitiva, dando paso da ‘misión de combate’ á ‘mision de apoio’, se produza a finais de 2014.

Amosar que non hai fisuras

O anuncio francés, porén, está a obrigar nestas horas a contactos e xuntanzas paralelas para evitar que o anuncio de Francia teña eco neutros estados con tropas en Afganistán. A OTAN tenta que se manteñan os compromisos adquiridos e que a “unidade de acción” non se vexa afectada. Alén diso, na cimeira tamén se está a analizar e tratar “unha visión post-2014”, en palabras de Barack Obama, para Afganistán, sentando desta forma as bases para que a alianza occidental continúe a xogar un papel no país afgán cando as tropas se retiraren.

Protestas

Mentres a Cimeira tiña lugar en Chicago, varios milleiros de persoas participaban nesa cidade en marchas e actividades de denuncia da papel da OTAN no conflicto afgán. Un amplo despregamento policial se mantivo en todo momento en torno a estas iniciativas, intervindo con contundencia e dureza na represión dalgunhas delas, como concentracións ou mesmo lecturas de textos pola paz.

Comentarios