venres 22/10/21

Bretaña, a nova Escocia? O 53% da mocidade bretoa a prol da independencia

Unha sondaxe apunta a que o 53% dos bretóns e bretoas menores de 35 anos serían favorábeis á independencia, porcentaxe que baixa até o 18% no conxunto da cidadanía de Bretaña. Porén, é un apoio significativo á separación de Francia nun país con non poucas similitudes con Galiza.
Breizh

É Bretaña (Breizh, en bretón) a nova Escocia?. Esta é a pregunta que se formulan no magazine Bretons após os resultados dunha enquisa que apunta a un forte incremento do soberanismo neste país que forma parte do Estado francés. A sondaxe sinala que un 18% dos bretóns e bretoas serían favorábeis hoxe en día á independencia de Francia, unha porcentaxe inimaxinábel até non hai tanto nesta nación orgullosa do seu pasado celta.

É máis, o apoio á independencia medra até o 53% cando os e as consultadas son menores de 35 anos. Os propios responsábeis da revista sinalan que os resultados da mesma foron "toda unha sorpresa". A cuestión nacional no Estado francés está máis ligada ao caso vasco (Iparralde) e corso. Se ben Bretaña ten idioma propio e unha forte identidade cultural, o sentimento de ser unha nación non tiña acobillo en boa parte da sociedade deste país atlántico. Malia iso, si que existían organizacións nacionalistas (como UDB ou Emgann), con diverso grao de incidencia segundo a época.

Sorpresa en París e mesmo en Rennes

"A maioría dos bretóns víñase sentindo bretóns e franceses á vez, sen ver niso unha contradición", afirman neste medio de comunicación. De aí que o medre do apoio ao soberanismo e á independencia teña collido contrapé aos analistas. Haberá, iso si, sinalan, ver até que punto os resultados desta sondaxe repítense ou mantéñense en posteriores traballos ou ben é algo 'puntual'.

Mais as cousas semellan mudar. Así, o menor apoio á independencia de Breizh estaría entre as e os maiores de 65 anos (só o 7% apoian esta vía). Nos máis xóvenes, a opción independentista xa é maiorítaria, segundo esta revista

O phénomène séparatiste breton, como o califica Bretons, exténdese entre "estudantes, traballadores, intelectuais e mesmo militares". Na revista lembran que a historia de Bretaña está inzada de aldraxes, humillacións e ataques a este pobo por parte co centralismo de París.

comentarios