O número de persoas falecidas en Nepal supera xa as 3.600

A cifra de persoas feridas supera as 6.500 e mantéñense as operacións de busca e rescate. Catmandu pide apoio internacional.

Nepal
photo_camera Imaxe: Npt

O número de persoas falecidas polo terremoto de magnitude 7,8 que afectou Nepal supera xa as 3.600, mentres que o de feridas alcanzou as 6.500, segundo dados dun centro de operacións de rescate a axencias de noticias. Das falecidas, só 1.291 foron identificadas. É o peor terremoto neste país nos últimos 80 anos, cunha intensidade de 7,8. En 1934 sufriran outro tremor, que causara 8.500 mort@s.

Continúan as operacións de busca de superviventes e de rescate,dificultadas polas intensas choivas que están a caer nestes días no territorio, así como polo temor a novas réplicas (producíronse 40, o domingo houbo unha de 6,3). O goberno nepalí apela á axuda e apoio internacional. Os centros médicos e hospitais están saturados, recoñece. Nepal declarou o estado de emerxencia nacional.

Aos problemas de comunicacións por vía terrestre, dos cortes de electricidade, engádese un que centra as preocupacións dos sanitarios: a falla de auga potábel na capital, Catmandu, ao se interromper o subministro e esgotarse a engarrafada. Hai temor a que se estendan enfermidades contaxiosas.

Comentarios