O número de falecidos no atentado de San Petersburgo elévase a 14

Actualmente o principal sospeitoso parece ser un cidadán ruso de orixe kirguisa

atentado san petersburgo Kommersta Twitter
photo_camera Kommersta Twitter

Xa son 14 as persoas falecidas e 51 as feridas como consecuencia do atentado no metro de San Petersburgo . Ata este momento descoñécense as posibles causas do ataque. A atención céntrase agora en Akbarzhon Jalilov quen parece ser o responsábel destas mortes.

A bomba que provocou a explosión estaba situada nun dos vagóns do metro e foi detonada cando o tren viaxaba entre a estación de Tekhnologichesky Institut e a de Sennaya Ploshchad. Non está claro aínda se se trata dun ataque suicida. O maquinista seguiu conducindo tralo atentado para que se puidese socorrer aos feridos o antes posíbel. Este feito resultou de gran axuda á hora de salvar vidas declararon expertos no tema. Outro artefacto similar sen detonar foi atopado na estación de Ploshchad Vosstaniya, unha das principais estación da cidade.

Vladimir Putin declaraba tralo atentado que se descoñecen as causas deste ataque e que non se descarta ningunha posibilidade. Nun primeiro momento os medios  falaban da posíbel participación de Aryshev Maksim, un cidadán kazajo. Non obstante, Nurgali Bilisbekov, pertencente ao Comité de Seguridade Nacional de Kazaxistán negou calquera relación entre Maksim e a explosión.

Rahat Sulaimanov, portavoz do servicio do Comité de Estado para a Seguridade Nacional (GKNB) declaraba que un cidadán ruso de orixe kirguiso podería ser o responsable das mortes. De acordo coa intelixencia kirguisa, o sospeitoso principal sería agora Akbarzhon Jalilov, de 22 anos. Jalilov vivira en Rusia durante seis anos e era da cidade de Osh no sur meridional de Kyrgystan.

Unha comisión de investigación rusa está traballando xa para determinar se o ataque foi ou non un acto terrorista. Ao mesmo tempo, a Comisión de Estado para a Seguridade Nacional kirguisa declarou estar colaborando coas axencias rusas nas investigacións. Varios estados condenaron publicamente o atentado, incluído Estados Unidos. Donald Trump realizaba ademais esta mañá unha chamaba a Vladimir Putin para expresar o seu apoio.

Comentarios