Nuit debout, a faísca que prendeu en París

O movemento popular asumiu como propias as dinámicas do 15M español após xermolar ao abeiro dunha reforma laboral, tamén, 'á española'.

NuitDebout2
photo_camera [Imaxe @NuitDebout]

Ocuparon a Place de la République o 31 de marzo após a greve xeral convocada contra a reforma laboral que visa aprobar o goberno de François Hollande e decidiron quedar durante a noite. Convocaron unha asemblea, da que fixeron parte máis dun milleiro de persoas, e acordaron transpor as dinámicas do movemento 15M --modelo organizativo e comunicativo, principalmente-- baixo o epígrafe Nuit Debout / Noite en pé. 

A partir desa primeira xornada, que rematou co desaloxo da praza por parte das forzas antidisturbios francesas embora sen incidencias violentas, volveron e suman xa cinco días. Inicialmente foi convocada polo colectivo Convergences des luttes. 

Na praza despregaron toda unha infraestrutura e constituíron diversas comisións de traballo

O movemento tenta espallar a súa 'indignación' por outras prazas da cidade e mesmo do país mais até o momento a faísca prendeu na Place de la République onde contan cunha improvisada infraestrutura --espazo de recollida e distribución de alimentos, espazo de comunicación, de reciclaxe e mesmo de produción de enerxía através dunha bicicleta-- e de multitudinarias asembleas cada serán. Non só in situ, senón tamén através das redes sociais, outro elemento chave para comprender o movemento 15M. 

Entre as primeiras decisións adoptadas atópase chegar a acordos e aplicalos sempre que conten co 80% do apoio da asemblea e un mínimo do 50% de participación, segundo recolle o xornal español La marea. Aliás, constituíron diversas comisións de traballo: Acción, Loxística, Moderación, Comunicación, Internacional e Acollemento. 

O economista Frédéric Lordon é unha das voces que se escoitan na Nuit Debout e chamou a redactar a 'Constitución da República social'

Até o momento é cedo para determinar o alcance do movemento acampado na Place de la Rèpublique, mesmo para as persoas que se atopan alí. O seu obxectivo, di algúns dos testemuños recollidos pola imprensa, non é formar un partido político. De facto, entre as faixas e lemas que se poden ler na praza hai quen se define 'nen capitalista, nen anticapitalista: cidadán'. Porén, entre as voces máis salientábeis do movemento, o economista Frédéric Lordon, convidou as persoas que o integran a escribir unha 'Constitución para a República social'. 

Haberá que agardar ao decorrer dos vindeiros días. Para comezar, os días 5 e 9 de abril as organizacións sindicais convocan novas mobilizacións contra a reforma laboral, moi confrontada tamén polos movementos das banlieues, os barrios da periferia de París, que abranguen as clases populares das marxes, nomeadamente migrantes, e que polo de agora non fan parte da Nuit Debout. 

Comentarios