Novos indicios de que Casado obtivo o seu máster de forma fraudulenta

A Universidade Juan Carlos I comunicou á xuíza do caso que non atopa os 4 traballos que supostamente realizou o dirixente do PP para aprobar as únicas asignaturas que non lle convalidaron. Tres persoas nas mesmas circunstancias que Pablo Casado acaban de ser imputadas. O PP cargou esta terza feira contra a xuíza.

Pablo Casado vota nas primarias do PP
photo_camera Casado, após votar no congreso do seu partido

Génova non coñece a tregua. Acaba de elixir o seu novo líder e as sospeitas xudiciais que pairaban sobre el, lonxe de remitiren, acrecéntanse. Esta segunda feira, trascendeu que a Universidade Juan Carlos I non acha nen rastro dos catro traballos —no seu conxunto apenas 90 folios— cos que supostamente Pablo Casado aprobou as únicas 4 asignaturas que non lle foron convalidadas para obter un máster en dereito público. Sóubese tamén que tres das alumnas  que cursaron o mesmo post-grao foron imputadas pola xuíz, sen que se coñezan até o momento os cargos que pesan sobre elas.

De ser imputado Casado por este mesmo asunto, a xuíza tería de dar traslado da causa ao Tribunal Supremo sendo que o presidente do PP é deputado no Congreso. Dúas das outras tres persoas investigadas teñen vínculos políticos ou familiares co PP.

O problema para Casado é que materialmente non aparecen os traballos que segundo el entregou na Universidade para aprobar os únicos 4 créditos que o centro universitario non lle convalidaron. A historia comeza a semellarse moito á que tivo como protagonista Cristina Cifuentes, a ex presidenta da comunidade autónoma de Madrid que, ao trascender tamén a súa implicación na sustracción de produtos de beleza nun supermercado, acabou por apresentar a súa demisión.

A xuíza dirixiuse aos profesores das asignaturas cursadas por Casado no máster —eles a súa vez tamén imputados— para que acheguen a documentación que obre no seu poder antes de emprestaren declaración en sede xudicial o próximo 2 de agosto de 2018.

A reacción do PP

Durante o proceso congresual que acabou coa súa coroación como novo líder do PP, Casado e os seus apoios actuaron como se este asunto estivese, xa non xudicialmente, senón politicamente amortizado. A súa rival interna, Soraya Sáenz de Santamaría, apenas o utilizou, máis alá dalgunha referencia velada á corrupción coa que María Dolores de Cospedal e o propio Casado terían tido que lidar na súa condición de portavoces do partido (o agora líder é o vicesecretario de comunicación saínte da formación conservadora).

Mais o asunto dista de estar soterrado e ameaza con abrir novas frentes xudiciais nun partido ao que agardan por diante varias pezas da instrución da Gürtel. 

A reacción do PP perante as novas revelacións do affaire Casado veu da man do vicecretario saínte Javier Maroto. O dirixente vasco optou por cargar contra a xuíza da causa, á que acusou de se extralimitar na súa xurisdición ao adoptar resolucións que afectan un político aforado, ao que por tanto en última instancia só podería xulgar o Tribunal Supremo.

Comentarios