Novos casos de violacións salfiren as Nacións Unidas

Axentes dos cascos azuis agrediron sexualmente crianzas na República Centroafricana.

cascos azules Haití
photo_camera Cascos azuis en Haití

Aparecen novas denuncias de violacións sexuais contra a poboación dos países nos que se despregan as Operacións especiais para o mantemento da paz da ONU, máis coñecidas como 'cascos azuis'. 

Nesta ocasión trátase de militares franceses, xeorxianos e dun terceiro país non identificado que atinxen a operación despregada na República Centroafricana e que xa comezara a ser investigada en agosto de 2015 por denuncias anteriores. 

O continxente atópase no país desde 2013 como parte da MINUSCA (Misión Multidimensional Integrada de Estabilización das Nacións Unidas na República Centroafricana) e abrangue arredor de 9 mil soldados procedentes de distintos estados, principalmente de Francia e outros territorios da UE. O conflito que atinxe a República Centroafricana provocou por volta de un millón de persoas refuxiadas sendo que, aproximadamente, o 20% da poboación do país vive desprazada en territorios colindantes como Chad e Camerún. 

O conflito na República Centroafricana provocou un millón de desprazamentos e o 20% da poboación mora en países como Chad e Camerún


Operación militar da UE na República Centroafricana

Segundo recoñeceu a propia ONU através do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Zaid Ra'ad Al Hussein, trátase de "acusacións extremadamente serias" que tiveron lugar en 2014 dentro dun campamento para persoas refuxiadas nas inmediacións do aeroporto de Bangui. No concreto "catro das nenas dixeron que os seus abusadores facían parte da operación militar da UE na República Centroafricana, coñecida como EUFOR. Dúas das nenas investigadas dixeron que foron violadas por soldados da EUFOR e as outras dúas que recibiron diñeiro para ter relacións sexuais con oficiais da EUFOR", explicou en comparecencia de imprensa Zaid Ra'ad Al Hussein.

As nenas tiñan idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos cando foron violadas

O caso foi posto en coñecemento das autoridades europeas e está a ser investigado, segundo informou as Nacións Unidas. Porén, o propio  Zaid Ra'ad Al Hussein, recoñece "demasiados destes crimes continúan a quedar impunes e os perpetradores gozan de total impunidade". 

Nos últimos anos foron moitas as denuncias coñecidas publicamente que atinxen os continxentes despregados polas Nacións Unidas en territorios en conflito. Entre eles, soldados nepalíes na República Democrática do Congo (2003), Burundi (2004), Sudán (2005), Haití e Liberia (2006), Costa de Marfil (2007) e recentemente a República Centroafricana. 

Segundo o secretario xeral das Nacións Unidas en 2005, Kofi Annan, as denuncias por abuso e explotación sexual de cascos azuis aumentaron a máis do duplo entre 2004 e 2005. Nese ano e de acordo cun estudo elaborado pola propia organización internacioal, rexistráronse 121 denuncias das cales 105 implicaban cascos azuis. 

O procesamento xudicial destes soldados corre a conta do seu estado de orixe. Moitos deles non son xulgados. 

Comentarios