Novos ataques israelís deixan catro mortes en Gaza

A pasada cuarta feira, avións do exército israelí atacaron máis unha vez a Faixa de Gaza. Após catro bombardeos e sete disparos de artillería, catro palestinos morreron e dez persoas resultaron feridas.

As autoridades israelís, a través do presidente do país, Simón Peres, aseguran que o ataque tiña como obxecto derrubar "un túnel terrorista e un lugar de lanzamento de cohetes ao norte de Gaza". O goberno sionista apuntou que se empregara, asemade, "proxectís de tanques para bater obxectivos terroristas en Gaza". Coma nas demais ocasións, o executivo israelí asegura ter sido atacado previamente e que as súas operacións militares respondían a fogo inimigo. No entanto, as mortes só se contabilizan do outro lado do muro. Catro persoas falecidas --que o goberno de Hamás recoñece como milicianos-- e dez feridas son o resultado dos ataques sionistas.

Pola súa banda, Saeb Erekat, xefe negociador palestino, fixo un chamamento á comunidade internacional para que "impida unha nova masacre" perante os ataques e ameazas recibidas por Israel. Neste senso, o titular de defensa israelí Ehud Barak asegurou que non desbotaban ningunha opción para frear os supostos ataques dirixidos desde a Faixa e que, asemade, os lanzadores pagarían "un alto prezo que lles faga reconsiderar atacar aos cidadáns civís israelís". Porén, no que vai de mes, contabilizáronse catorce mortes entre a cidadanís palestina froito de ataques sionistas.

Comentarios