Novo surto de ébola en Guinea con tres mortes e catro contaxios

A OMS traballa para evitar a propagación aos países veciños.
Persoal médico da OMS (ONG WORLD VISION - Arquivo)
photo_camera Persoal médico da OMS (Foto: ONG Wordl Vision - Arquivo)

O ébola, erradicado de Guinea hai cinco anos, volve a ese país africano. Confirmouno este domingo o Goberno que informou da morte de tres persoas e catro máis contaxiadas. Por este motivo as autoridades activaron novas medidas de detección e contención.

O director xeral da Axencia Nacional de Seguridade Sanitaria (ANSS) guineana, Sakoba Keita, anunciou que se continuará co censo de todos os casos sospeitosos e os seus contactos en todas as localidades e que se iniciarán tres tipos de investigacións, incluída unha que "axudará ás autoridades sanitarias de N'Zerekore (foco da epidemia) a poder delimitar a zona afectada", segundo recolle Guinee News.

Keita subliñou que, polo momento, as autoridades non poden asegurar exactamente de onde procedía o surto, polo que mentres transcorren as investigacións a prioridade será identificar os contactos das persoas contaxiadas, os casos sospeitosos vacinar ás persoas que estiveron expostas e interromper desta maneira a cadea de transmisión.

As autoridades de Guinea teñen confianza en que a rápida distribución da vacina deteña a propagación do virus. 

Posíbel propagación a outros países

Tras a confirmación deste novo surto, que se localiza nunha zona fronteiriza de Guinea, a Organización Mundial da Saúde (OMS) informou de que traballa coas autoridades sanitarias tanto de Liberia como de Serra Leoa. 

A intención é "reforzar a vixilancia comunitaria dos casos nos seus distritos fronteirizos, así como para fortalecer a capacidade de realizar probas de detección de casos e de vixilancia nos centros sanitarios".

Así mesmo, a organización está a colaborar con Costa do Marfil, Malí, Senegal e outros países de risco situados na subrexión.

Comentarios