América Latina

Novo «Superlunes» en Chile a un mes do inicio das protestas contra o sistema

A CIDH comezou esta segunda feira unha visita de varios días ao país, no que xa están Human Right Watch (HRW) e a ONU, para investigar as denuncias contra as forzas de seguridade.

plaza-italia
photo_camera A Praza Italia, en Santiago de Chile, volveu ser o centro das mobilizacións [Europa Press]

Miles de persoas volveron saír esta segunda feira, 18 de novembro, nun «Superlúns» ás rúas de Chile para conmemorar o primeiro mes do estalido social contra o sistema e amosar a súa desconfianza tanto coa axenda social anunciada polo Goberno como co acordo parlamentario sobre unha nova Constitución.

A Praza Italia, a zona cero das revoltas e renomeada polos manifestantes como «Praza Dignidade», volveu ser epicentro dunha gran concentración que transcorreu en xeral de xeito pacífico, aínda que se deron algúns incidentes illados entre manifestantes e forzas de seguridade.

O que comezou como un chamamento do estudantado a non pagar o metro de Santiago, a capital, para protestar contra o aumento da tarifa tornou nunha gran revolta social á procura dun modelo económico máis xusto.

Plebiscito en 2020

«Nas últimas catro semanas, Chile mudou; os chilenos mudaron, o Goberno mudou; todos mudamos. O pacto social baixo o cal viviramos rachou», afirmou o presidente Sebastián Piñera cando se cumpre un mes das mobilizacións.

piñera-cimeiras

O mandatario encomiou o acordo ao que chegaron a pasada sexta feira as forzas parlamentarias para convocar un plebiscito en abril de 2020 e preguntarlle á cidadanía se quere unha nova Constitución e que órgano debería redactala

Tamén recoñeceu por primeira vez que houbo abusos e un uso excesivo da forza por parte das forzas de seguridade, e comprometeuse a sancionalo.

23 mortos e 15 mil detencións

As protestas deixan cando menos 23 mortos -cinco destes supostamente a mans de axentes- e 2.381 feridos hospitalizados, dos que 222 teñen graves lesións oculares, segundo o último informe do organismo estatal do Instituto Nacional de Dereitos Humanos (INDH).

Pola súa banda, os Carabineros (a Policía chilena) informou esta segunda feira que se rexistraron máis de 15 mil detencións desde o 18 de outubro.

Chegada da CIDH

Tamén nesta mesma segunda feira, a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH), ente da Organización dos Estados Americanos (OEA), comezou unha visita de varios días ao país para investigar centos de denuncias por abusos, torturas, violencia sexual e homicidios por parte das forzas de seguridade.

A CIDH únese así a outros organismos que xa están en Chile, como Human Right Watch (HRW) e a propia ONU.

Comentarios