Novo pulo á reunificación da Bretaña

A recuperación das fronteiras históricas da Bretaña está máis perto. O Consello Rexional da Bretaña, que reservou 100.000 euros do orzamento para un referendo, acaba de recibir un informe coas liñas a seguir co fin de fortalecer os lazos de unión co departamento de Loire-Atlantique, onde tamén está a medrar o apoio á reunificación.
bretagnereunie.bzh
photo_camera Un momento dunha recente manifestación polas rúas de Nantes a prol da reunificación do territorio nacional histórico da Bretaña (bretagnereunie.bzh)

O 19 de abril de 2021 faranse 80 anos desde que a Francia de Vichy, o réxime político instaurado polo mariscal Philippe Pétain, colaboracionista coa Alemaña nazi, decretase a separación do departamento de Loire-Atlantique do resto da Bretaña histórica. Desde entón, e especialmente a partir da década de 1970 coas primeiras manifestacións cidadás, a reunificación é un tema recorrente, apoiado por un amplo abano de formacións políticas, inherente no caso das soberanistas.  

O Estado francés está dividido en 101 circunscricións administrativas departamentais que se agrupan á súa vez en 18 rexións, 13 metropolitanas e cinco de ultramar. O país bretón está partido desde 1941 en dúas rexións diferentes: por unha banda a rexión da Bretaña ─con catro departamentos─ e pola outra a do País do Loira. Nesta última enmárcase o departamento de Loire-Atlantique, cuxa capital é a histórica cidade bretoa de Nantes (Naoned, en bretón), cidade dos Duques da Bretaña.

O debate da reunificación regresou nos últimos meses á mesa do debate político. En febreiro o presidente do Consello Rexional da Bretaña, o socialista Loïg Chesnais-Girard, presentaba unha emenda para reservar 100.000 euros do orzamento co fin de organizar un referendo sobre o reagrupamento co departamento de Loire-Atlantique baixo unha única entidade administrativa. 

Apoio en Nantes

Mais o movemento máis importante chegou neste mes de xullo do outro lado da fronteira. Tras a súa reelección como alcaldesa de Nantes, a tamén socialista Johanna Rolland designou por vez primeira un asistente para "temas bretóns", cargo que ocupa Florian Le Teuff, un militante do movemento pola reunificación. 

Fíxoo o 3 de xullo, día da constitución municipal, no mesmo día en que se presentaba en sociedade unha nova asociación, A la bretonne!. O seu presidente, Christophe Prugne, cualificaba de histórica a designación dun responsábel para temas bretóns.

"Vemos que hai unha apertura política en ambos os dous lados da fronteira, que algo está a xurdir a favor da reunificación", dixo. Do outro lado da raia, A la bretonne! pedía a Chesnais-Girard que non se adiase máis o referendo.

Neste sentido, o presidente do Consello Rexional da Bretaña recibiu a semana pasada o informe elaborado polo grupo de traballo "Cooperación Loire-Atlantique/Bretagne reunificados". O documento recolle 13 pautas de colaboración "dentro da perspectiva dunha reunificación". Entre estas están a elaboración de cartografía ou dun orzamento que inclúa os cinco departamentos, así como aumentar a presenza da marca Bretaña en Loire-Atlantique. O 13º punto fai referencia explícita á necesidade de convocar unha consulta popular.

O documento foi presentado no pleno da asemblea a pasada quinta feira. Fóra da sede houbo unha concentración de Oui la Bretagne (Breizh evel just), a coalición política de esquerdas, ecoloxista e autonomista, que se presentou ás eleccións rexionais de 2015. Conformada polo Movemento Bretaña e Progreso (MBP) e a Unión Democrática Bretoa (UDB), fíxose daquela con 80.727 votos (6,71%), mais non conseguiu representación. Os vindeiros comicios, coincidindo cos departamentais, serán o próximo mes de marzo.

O presidente do Consello Rexional, canda outros membros electos do seu partido, uniuse durante uns momentos cos concentrados, un acto simbólico que mostra o compromiso do actual Goberno coa reunificación ─e tamén, segundo os medios locais, coa posibilidade dunha alianza de cara ás eleccións─. Loïg Chesnais-Girard sinalou: "Podemos vivir durante o próximo mandato o derradeiro dun presidente dunha rexión bretoa de catro [departamentos]".

Centralismo de París

Pola súa banda, o cabeza de lista de Oui la Bretagne e alcalde de Carhaix, Christian Troadec, dixo que a unión servirá, non só para recuperar o trazado histórico da Bretaña, senón para "as institucións adquiriren unha maior autonomía, para maior capacidade de toma de decisións, para ter máis poder político, e tamén para contar coas ferramentas a nivel financeiro" para desenvolver ese poder político. 

Ademais, salientou que a xestión da crise do coronavirus demostrou os límites dun Estado demasiado centralizado. "Non podemos seguir así", afirmou. 

A sesión plenaria do Consello Rexional da Bretaña, que se desenvolveu entre a quinta e a sexta feiras ─e que tivo que ser interrompida pola entrada de varios manifestantes contrarios aos Organismos Xeneticamente Modificados─ finalizou cunha derradeira intervención do presidente, onde recalcou o compromiso del por atinxir maior autonomía política de París.

Apoio maioritario da cidadanía da Bretaña

A enquisa máis recente, de agosto de 2019, reflicte un apoio maioritario á unión. Nos catro departamentos da rexión administrativa da Bretaña, 47% está a favor e 31% en contra. En Loire-Atlantique (onde en 2018 se recolleron máis de 100.000 sinaturas a prol do referendo), a relación Si-Non é 53%-25%.

Comentarios