O Novo IRA advirte de que calquera fronteira será un “obxectivo lexítimo”

A canle británica de TV 'Channel 4' emite unha entrevista cun encapuchado identificado como portavoz do grupo armado irlandés, advertindo de que atacarán calquera infraestrutura británica que se estabeleza na illa, en referencia aos controis entre Irlanda do Norte e o resto de Irlanda que contempla o 'Brexit' para dentro de catro anos.

“Que quede claro que calquera instalación ou aspectos da ocupación británica dentro dos Seis Condados (baixo control británico, dos nove con que conta a provincia do Ulster) -xa sexa na fronteira ou noutro sitio-, calquera infraestrutura será un obxectivo lexítimo de ataque e de accións armadas, contra esa infraestrutura e contra as persoas que a xestionen”. Nunha entrevista emitida en exclusiva pola canle de TV británica Channel 4, un encapuchado identificado como portavoz do Novo IRA lanzou esta ameaza en referencia ao acordo para o Brexit entre a UE e o Reino Unido.

O acordo prevé que a lexislación europea se aplique no Norte de Irlanda (a provincia actualmente baixo control británico do Ulster) durante os catro primeiros anos tras a saída do Reino Unido da Unión -unha das eivas que os unionistas do DUP ven para dar o apoio a Boris Johnson-. Transcorrido ese tempo, sempre que o Parlamento desa rexión así o decida, haberá a posibilidade de estabelecer de novo fronteiras entre Irlanda do Norte e o resto da illa.

“É importante entender que este é un país baixo ocupación británica, e ao igual que en calquera outra situación colonial a xente ten o dereito de responder por todos os medios que fagan falla a esa ocupación”, engadiu o entrevistado, que ao respecto das preguntas do xornalista sobre a posibilidade da creación dunha fronteira en en Irlanda, sinalou: “Non existe tal fronteira irlandesa. É unha fronteira británica”.

Comentarios