Dezaseis deputados constitúen na Asemblea Nacional francesa un grupo parlamentar pola autonomía dos territorios

Asemblea nacional francesa

16 deputados e deputadas da Asemblea Nacional francesa veñen de conformar un novo grupo parlamentar, o noveno da Cámara gala, e que se constitúe co obxectivo de avanzar cara a “unha descentralización efectiva” do estado francés. Parlamentares corsos e bretóns fan parte deste grupo, que aposta en traballar para “unha verdadeira autonomía política e de decisión, plena e completa” para territorios do estado galo.

Tal e como explican en Nationalia, a composición do novo grupo é do máis heteroxénea, e del forman parte os 3 deputados de Pe a Corsica (coligazón de autonomistas, nacionalistas e independentistas corsos) e autonomistas bretóns mais tamén deputados independentes, de centro-dereita ou tamén dos Verdes. O deputado corso Jean-Félix Acquaviva cre que este novo grupo pode axudar a “popularizar” a aposta e os proxectos políticos  pola descentralización.

Comentarios