O novo goberno ucraíno acusa a Rusia de procurar escusas para se anexionar Crimea

Tropas rusas despregáronse esta sexta feira por Crimea. Moscova di que son parte de manobras xa previstas da frota do Mar Negro, que ten nesta península unha base permanente.

crimea
photo_camera Un home armado no aeroporto de Simferopol


Forzas para-militares tomaron o control de infraestruturas de comunicación en Crimea, entre elas os aeroportos de Sebastopol e Simferopol. Kiev acha que son soldados rusos disfrazados de milicianos, ao non levaren nen insignias nen o uniforme oficial das tropas ás ordes de Moscova. As autoridades de Simferopol -a capital de Crimea- negan que a toma de control das terminais fose realizada por por continxentes estranxeiros e atribúena a milicias populares armadas que se cualifican a si proprias como escadras de auto-defensa.

Entrementres a Duma rusa comezou a tramitar unha lei para flexibilizar a incorporación de novos territorios ao país, un movimento que produciu unha seria alarma en Kiev, quen teme que Rusia estea a planificar a anexión de Crimea. Non é nada aventurado ligar este movimento ruso ao feito de onte o Parlamento de Simferopol ter convocado un referendo de autodeterminación para o 25 de Maio.

Ianukovich continúa a considerarse o presidente lexítimo e cualificou de fascistas as novas autoridades de Kiev

Nen a Duma rusa nen o Parlamento de Crimea recoñecen a lexitimidade do novo goberno ucraíno. Tampouco a recoñece o deposto presidente Ianukovich, quen esta sexta feira reapareceu para, en solo ruso, oferecer unha conferencia de imprensa. Nela afirmou que continúa a considerarse o presidente lexítimo do seu país e cualificou de fascistas as novas autoridades de Kiev. Responsabilizou directamente os EUA e a UE de teren provocado o caos ao contribuír para que a ultradireita ucraína sabotase o acordo de pacificación e normalización política alcanzado entre o Goberno e a oposición.

Ianukovich non tivo o menor reparo á hora de se submeter ao interrogatorio da imprensa, por espazo dunha hora. Deixou dúas mensaxes básicas. Primeira, que agarda un maior compromiso de Rusia na resolución da crise [non se inhibiu á hora de criticar a Putin polo seu silencio ante os últimos acontecimentos]. E segunda, que baixo o seu criterio Crimea debe continuar a facer parte de Ucraína, embora cunha maior capacidade de autogoberno.

Comentarios