Novo capítulo nas relacións China-EUA?

Beijing non ocultou o alivio tras a saída de Donald Trump da Casa Branca, e acolleu con satisfacción a chegada de Joe Biden. Mais con cautela: se ben haberá entendemento en temas como a loita contra a Covid-19 ou o cambio climático, é previsíbel que o novo presidente estadounidense manteña a liña dura noutros asuntos. 
biden_xi
photo_camera O presidente chinés, Xi Jinping, reuniuse con Biden en anteriores ocasións sendo este vicepresidente (Foto: Goberno da China)

"Penso que despois deste difícil e extraordinario momento, ambos os pobos chinés e estadounidense merecen un futuro mellor", declarou hoxe aos medios a portavoz do Ministerio de Exteriores chinés, Hua Chunying, a respecto da chegada de Biden á Casa Branca e o seu discurso inaugural.

O novo presidente estadounidense non fixo referencia explícita á China ─tampouco á UE─ e en xeral puxo o foco nos desafíos que afrontará a nivel interno, especialmente a respecto da polarización existente na política e na sociedade do país norteamericano.

"Ao tempo que o discurso de Biden se centrou nos retos domésticos, Trump en contraste puxo en valor as súas políticas hostís cara á China como un logro no seu discurso de despedida", escribía onte o periódico chinés Global Times nunha reportaxe titulada "Biden abandona a retórica tóxica de Trump cara á China, mais cómpre valor para reconstruír pontes". 

"China é sincera en retomar o diálogo e a cooperación cos EUA agora que Biden tomou posesión", sinala o rotativo, que tras consultar con varios analistas políticos do país considera que "os eidos máis probábeis para romper o xeo serían o cambio climático, a loita contra a Covid-19 e o comercio". Non obstante Beijing mantén polo momento o escepticismo.

Aliados ou/e adversarios

Malia que o novo presidente prometeu afastarse da política illacionista de Trump e "liderar o mundo, non retirarse del", tamén manifestou en diversas ocasións que manterá a firmeza coa China, país que tanto demócratas como republicanos ven como ameaza nunha nova Guerra Fría, se non xa en marcha si latente. 

Neste sentido enmarcaríase a designación de Avril Haines como directora de Intelixencia Nacional dos EUA, cargo que acaba de ser ratificado por ampla maioría (84-10) no Senado. Haines ─recolle The New York Times─ defendeu ante os parlamentarios que as axencias de espionaxe debían "apoiar os esforzos bipartidistas que veñen de atrás para superar a China, adquirino e compartindo coñecementos sobre as intencións e as capacidades" do país asiático. 

"A China é un adversario nalgúns asuntos, e noutros tratamos de cooperar con eles, sexa no contexto do cambio climático ou noutros temas [...]. Mais creo que iso non mitiga de ningunha maneira o feito de que, cando falamos de espionaxe ou dunha variedade de temas estarei centrada, se son confirmada como directora da Intelixencia Nacional, en que é un adversario e que temos que traballar neses temas, en particular contrarrestando as súas accións ilegais, inxustas, agresivas nestes espazos", declarou na terza feira a preguntas da comisión encargada de avaliala para o cargo.

Desde o Observatorio da Política Chinesa defenden que "a racionalidade debe volver ás relaciones entre a China e os EUA", "nun momento decisivo en que o mundo loita contra unha crise de saúde pública inédita nun século e os efectos económicos que carrexa". Cren que "a Administración Biden debe deixar de considerar Beijing como a 'némesis ideolóxica' inevitábel de Washington", algo que se explica por unha "mentalidade arraigada nas ideas obsoletas da Guerra Fría", por parte dos "falcóns partidarios da política dura contra a China da Administración Trump".

Falcóns contra os que, poucas horas despois de Biden asumir o cargo, Beijing anunciou sancións. Un total de 28 altos cargos, encabezados polo ex secretario de Estado Mike Pompeo, polo seu "prexuízo e odio cara á China", segundo recolle o comunicado oficial. "Planearon, promoveron e executaron unha serie de accións de tolos que interferiron gravemente nos asuntos internos da China, socavaron os intereses da China, ofenderon o pobo chinés, e afectaron seriamente as relacións China-EUA", dise na declaración.

No discurso inaugural, Biden fixo referencia á "batalla pola alma dos EUA". "A nosa nación está moldeada pola constante batalla entre os nosos mellores anxos e os nosos máis escuros impulsos. É hora de que os nosos mellores anxos se impoñan", dixo. 

Tirando dese fío ─e sen escatimar en críticas ao Goberno Trump─, a portavoz gobernamental chinesa Hua afirmou: "As dúas partes deben mostrar valor e sabedoría. Necesitamos tomar nota e escoitarnos mutuamente con respecto. É a responsabilidade conxunta dos nosos dous países e tamén a aspiración da comunidade internacional. Non temos dúbida de que os mellores anxos nas relacións China-EUA derrotarán as forzas do mal".

Os Estados Unidos perden influencia entre a cidadanía da Unión Europea e do Reino Unido

A maioría da cidadanía europea celebrou a vitoria de Biden nas eleccións presidenciais estadounidenses, porén non cre que esta vaia servir para o regreso dos EUA como o líder global preeminente. Así se desprende do estudo publicado esta semana polo European Council on Foreign Relations, que reflicte unha mudanza substancial na actitude dos europeos cara aos EUA nos últimos catro anos.

Neste momento, a maioría da cidadanía nalgúns dos principais países europeos considera que o sistema político estadounidense está roto e que Europa non pode confiar no país norteamericano para que a defenda. Valora máis positivamente tanto as institucións estatais propias como as da UE.

Ademais, pensa que a China será unha potencia máis poderosa que os EUA no período dunha década. Os Estados onde está percepción é maior son España (79%), Portugal (72%) e Italia (72%).

Comentarios