Un novo asasinato de Israel eleva a 35 os palestinos mortos en 2023

Palestina acusa Israel de violar as leis internacionais coa batería de medidas para combater a resposta palestina aos masacres cometidos por Tel Aviv, como demoler as casas das familias dos atacantes.

A Policía israelí reclama a identificación a un palestino onte en Xerusalén. (Nir Alon / ZUMA Press Wire / dpa)
photo_camera A Policía israelí reclama a identificación a un palestino onte en Xerusalén. (Nir Alon / ZUMA Press Wire / DPA)

Disparos do Exército de Israel contra o coche no que viaxaba Nayef Salman Abu Fouda, un palestino de 26 anos, acabaron coa súa vida na madrugada da segunda feira en Hebron, confirmou o Ministerio de Sanidade de Palestina. Con esta morte o número de palestinos asasinados polos colonos e as forzas israelís desde o comezo desde ano fica en 35, oito deles crianzas.

A situación de violencia que se profundou coa chegada da extrema dereita e dos ultra ortodoxos ao Executivo de Tel Aviv atópase no medio dunha escalada que comezou a semana pasada cando os militares israelís asasinaron dez palestinos -incluída unha muller de avanzada idade- nun mesmo día.

Após o masacre, un ataque dun palestino armado á porta dunha sinagoga deixou sete israelís mortos en Xerusalén, ademais, dous israelís resultaron feridos polos disparos dun palestino de 13 anos. A resposta do Goberno extremista israelí foi expulsar da súa casa as familias dos atacantes palestinos, selar as vivendas e ordenar a súa demolición -unha práctica habitual-, tamén quitou a cidadanía e calquera beneficio social a familiares e persoas achegadas.

En paralelo, permitiu máis de cen ataques de colonos a persoas ou propiedades palestinas só en Nablus, todo baixo a protección dos soldados; comprometeuse a legalizar asentamentos ilegais de colonos como prometera o Gabinete anteriormente e impulsou unha lexislación para facilitar que os israelís civís poidan ter armas.

Estas medidas violan directamente a Convención de Xenebra, denunciou esta segunda feira o primeiro ministro palestino, Mohamad Shtayyeh, que incidiu en que “reflicten a profundidade da crise do Goberno de ocupación, que intenta desviar a atención a través de asasinatos, represión, castigos colectivos e dando vía libre a que os colonos terroristas cometan máis crimes contra os palestinos”.

Asemade, Shtayyeh instou novamente a comunidade internacional a “condenar estes crimes” e ao Goberno de Israel, no que “ministros piden á poboación tomar as armas para cometer crimes contra o indefenso pobo palestino”. A pesar disto, o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, responsabilizou palestinos e israelís de tomar “medidas urxentes para restaurar a calma” nunha xuntanza co primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu.

Pola súa parte, o Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (Unicef), criticou que “as crianzas seguen pagando o prezo máis alto” polo conflito.

Comentarios