Novas mobilizacións en Franza contra a reforma laboral

A Asemblea Nacional debate esta terza feira a Lei Khomri que Hollande ameaza con aprobar vía decreto. 

Francia
photo_camera [Imaxe Democracia Real Ya]

Máis unha xornada de mobilizacións na Franza, e van unha ducia delas nos últimos catro meses. Desde que o goberno de François Hollande iniciou o proceso parlamentar para a aprobación da reforma laboral, coñecida como Lei Khomri, organizacións sindicais e estudantís para alén do movemento Nuit Debout manteñen protestas e greves sectoriais como mostra de rexeitamento e oposición popular. 

En París foron despregados 2 mil efectivos policiais

Esta terza feira (5 de xullo) e coincidindo co debate parlamentar da reforma, volven saír ás rúas en Paris, Tolouse e Nantes entre outras cidades. Neste senso, só na capital francesa despregáronse por volta de 2.000 efectivos policiais. 

Porén, a oposición á lei Khomri non se atopa unicamente nas rúas. Nas propias ringleiras do Partido Socialista francés existen voces contrarias a unha medida que, entre outras cuestións, deixa en mans das empresas a fixación dos salarios e das condicións laborais das traballadoras e traballadores. Un dos puntos quentes da proposta. 

Hollande ameaza con aprobar por decreto a reforma se non consegue o apoio parlamentar

Pola súa banda, a dereita francesa tampouco gosta da iniciativa. Ora ben, pola consideraren frouxa. 

De non saír adiante na Asemblea Nacional, Hollande prevé a súa aprobación através dun decreto lei. As organizacións sindicais xa anunciaron que manterán un encontro na cuarta feira (6 de xullo) para acordar as accións que adoptarán de saír aprobada. Neste senso, advertiron de que este verán "haberá sorpresas". 

Comentarios