Nova Zelandia e Islandia: dúas illas na loita contra a Covid

O país oceánico, con só 21% da poboación vacinada, decreta o nivel máximo de restricións tras detectar un só caso nas últimas horas. Mentres no europeo, que marcou en xullo un récord de contaxios, a alta taxa de vacinación (70,6%) fai a diferenza: só rexistrou unha morte desde maio.
EuropaPress_2629354_03_february_2020_norway_oslo_prime_minister_of_iceland_katrin_jakobsdottir
photo_camera A primeira ministra de Islandia, Katrín Jakobsdóttir (Foto: Ole Berg-Rusten / NTB Scanpix)

A maioría dos países occidentais, exceptuando os casos de Suecia ou do Reino Unido nos inicios da pandemia, seguen unha estratexia similar na loita contra a Covid-19. Con lixeiras variacións na intensidade das restricións, os Gobernos destes países apostaron pola vacinación masiva e por modular as limitacións de mobilidade e de reunión en función da taxa de incidencia da enfermidade.

Hai, con todo, dous casos senlleiros polas súas características xeográficas: Nova Zelandia e Islandia, Estados insulares de Oceanía e de Europa, respectivamente. O primeiro regresou á 'vella normalidade' en xuño de 2020 tras declararse "libre de Covid-19"; tras decretar a "eliminación" do coronavirus. Eliminación, que non erradicación (nun contexto médico, a primeira significa a ausencia dunha enfermidade a escala nacional ou rexional; a segunda, a súa extinción a nivel global). 

Para manter ese grao de liberdade cidadá que existía previa á pandemia, o Goberno neozelandés estabeleceu durante todo este tempo estritos confinamentos con cada sospeita dun posíbel novo surto, así como o fechamento total das fronteiras desde marzo de 2020. Fronteiras que non se volverán abrir, malia á presión dos sectores económicos, até inicios de 2022. Como mínimo, segundo sinalou a semana pasada o panel de expertos do Goberno até que a vasta maioría dos adultos estean vacinados.

Dentro desta severa estratexia enmárcase a decisión tomada onte pola primeira ministra, Jacinda Ardern, de pór toda Nova Zelandia baixo o nivel máis ríxido de restricións, o nivel 4 de confinamento, durante tres días. E durante sete Auckland e Coromandel. A primeira é a maior cidade do país. Alí foi detectado nas últimas horas o primeiro caso da Covid-19 en seis meses. A segunda é unha vila costeira onde esta persoa, un home de 58 anos, pasou tamén algún tempo.  

"O mellor que podemos facer para saírmos disto o máis axiña posíbel é actuar con dureza", declarou Ardern en conferencia de prensa. "Tomamos a decisión baseándonos en que é mellor comezar nun nivel alto [de restricións] e ir baixando, mellor que comezar abaixo, non conter o virus e velo estenderse rapidamente". 

O nivel 4 supón que os negocios, oficinas e centros educativos deberán fechar e só os servizos esenciais poderán operar con normalidade. A poboación terá que permanecer na casa, que só poderá abandonar por razóns de urxencia ou para abastecerse. As máscaras de protección serán obrigatorias estes días tanto en interiores como en exteriores.

O último contaxio comunitario da Covid-19 en Nova Zelandia foi en febreiro, en pleno verán austral. Neste tempo, os seus 4,9 millóns de habitantes puideron vivir sen ningunha restricións, aínda que recluídos no arquipélago (a maioría vive na Illa Norte, 3,5 millóns; e na Illa Sur, 1,1 millóns). 

Desde o comezo da pandemia, o país logrou conter o virus de tal maneira que só rexistrou uns 2.500 casos e 26 falecementos. Con todo, sofre unha pexa: tan só 21% da poboación está completamente vacinada.

Islandia: récord de casos mais só unha morte desde maio

Islandia é o cuarto país do mundo cunha maior taxa de vacinación: actualmente, 70,6% da poboación está completamente vacinada, tan só superada por Malta (80,5%), Emiratos Árabes Unidos (73,7%) e Singapur (73,1%). Esta é a principal diferenza co caso de Nova Zelandia, con quen comparte a peculiaridade da insularidade. 

Hai unha segunda gran diferenza: mentres que Nova Zelandia rexistrou un único contaxio nos últimos seis meses, Islandia cunha poboación moito menor (357.000 habitantes) informou de 2.847 infeccións de Covid-19 só no mes de xullo, cifra récord desde o inicio da pandemia.

Terceira diferenza: as fronteiras islandesas non están fechadas como as neozelandesas. Calquera persoa cun 'pasaporte Covid' pode acceder (Islandia fai parte do Espazo Schengen). Porén, terceiros países fóra da contorna comunitaria onde a taxa de vacinación é moito menor, emitiron recomendacións de non viaxar a Islandia debido ao alto número de contaxios rexistrado o mes pasado. É o caso dos Estados Unidos, territorio onde a variante delta ten unha incidencia moito máis nociva entre a poboación debido á baixa porcentaxe de inoculación.

Precisamente no país norteamericano, o modelo de Islandia é o máis citado polos expertos médicos nas últimas semanas. "Islandia proba que as vacinas funcionan", escribía en Twitter Carlos del Rio, prestixioso profesor do departamento de Enfermidades Infecciosas da Escola Emory de Medicina, en Atlanta.

Dos case 2.900 contaxios de xullo, a maioría foron provocados pola variante delta, a maioría en persoas vacinadas e a maioría acabaron nunha doenza leve ou moderada da Covid-19, cunha porcentaxe de hospitalización de arredor de 3% . 

No entanto, o Goberno islandés manterá as restricións polo menos até o 27 de agosto (máximo de 200 persoas en actos, distancia física dun metro ou recomendación de levar máscara en lugares ateigados).

Tamén Brandon Guthrie, epidemiólogo e profesor de saúde global na Universidade de Washington, salientaba en The Washington Post que "ter tan poucas mortes ou casos severos da enfermidade no contexto de grandes surtos sen dúbida debería ser considerado polo menos como unha vitoria parcial".

Porque o dato máis esperanzador é ese: malia esa alta taxa de contaxio, en Islandia só se produciu un falecemento por Covid-19 desde o 25 de maio. 

Comentarios